O pasado fin de semana centos de veciños e visitantes gozaron dunha viaxe no tempo na vila de San Salvador de Sobrado, en Trives, onde celebraron unha nova edición de Sobrado Medieval. Organizada pola Asociación Cultural Sobrado de Trives, nesta edición escolléronse como Reis ós veciños Marina González Pérez e Moisés Otero. A súa coronación, así como a representación do tribunal da Inquisición e a queima da bruxa, foron de novo os momentos cumbres do evento.
Esta festa, que cumpriu a súa sexta edición, conmemora a adhesión do mosteiro de San Salvador de Sobrado á contaduría e facenda de Felipe II, evitando así o control do convento compostelán de San Paio de Antealtares. Nas imaxes, proporcionadas pola organización, apréciase o ambiente que viviu a vila durante os días 6 e 7 de agosto. Os organizadores agradecen a alta participación e implicación veciñal a pesares das altas temperaturas, que obrigaron a cancelar o baile das pantasmas.