A Paz con maiúscula está entre os animáis dunha canción, nunha botella de cristal, nun violín e nun muro de papel. Tamén se pode atopar nunha receita de cociña, nun globo de branca cor, nunha carreira, nun piano, ou nun bocata, o caso é saber buscala porque nos tempos que corren, non é doada de atopar. Os nenos e nenas de Valdeorras sábeno ben, por iso os seus mestres preparáronse a conciencia para a chegada do día 30 de xaneiro, o día no que se chama á Paz no mundo, para conseguir que saia do seu agocho.
No Otero Pedriao de Viloira trouxeron a Susa Herrera, unha profesional dos contos cantados, para chamar á Paz a golpe de coreografía. Conta a mestra Silvia Cruz que “o total dos alumnos do centro cantou e bailou pezas dos libros da autora, En Cabárceno se oye cantar e En Cabárceno se sigue cantando”. Ademáis dos cánticos e bailes, “botaron mensaxes ao mar, en botellas de cristal, que non contaminan”, para que a Paz saiba exactamente cómo ten que aparecer.
Papeis repletos de desexos de Paz tamén escribiron os nenos e nenas do Divina Pastora, cos que construiron despóis un muro “doado de derrubar”, que colocaron de diante do Concello do Barco. Un muro plagado de debuxos, textos e poemas, que di o mestre Aurelio Prada, “son reflexo da súa creatividade”. E por se a Paz non se da por aludida, convidárona a unha comida feita coa mellor receita de cociña, a que leva como ingredientes “a tolerancia, o respeto, o amor, o cariño e os mimos”. Pombas de papel e globos brancos soltados ao ceo, completaron a chamada deste colexio dende as rúas do Barco.
Os rapaces do Cosme López da Rúa recurriron á música para atraer á Paz. Aos violíns de Silvia e Julia, ás guitarras de Roberto e Paula, á percusión do alumnado de 4º ESO, e incluso ao piano de Alba, a mestra de música. Tamén lle fixeron unha obriña de teatro e unha vez máis, encheron o ceo de globos brancos.
A forma máis deportiva para chamar á Paz adoitárona os nenos e nenas do colexio Julio Gurriarán, que fixeron moitísimos kilómetros solidarios “seguindo unha proposta da ONG Save the Children”, conta o xefe de estudios, Nacho Hermida. Despóis do esforzo, aínda quedábanlles forzas para cantar a canción Sonrisa, de Ana Torroja, “moi ensaiada nas clases de música estes días”. E por último, convidaron á Paz a unha festa “de solidaridade e convivencia”.
No Pablo VI-Fátima da Rúa, buscaron á Paz agochada nun bocata, o que comeron, acompañado dun vaso de auga, para experimentar qué é iso de non poder comer o que queres e pasar fame. Conta o director do centro, Jose Manuel Carrasco, que "a ONG Manos Unidas de Astorga recibirá o donativo voluntario entregado polos rapaces tras comelo bocata, que empleará nun proxecto de atención sanitaria na población de Palestina". Vídeos sensibles coa causa e a solta dunha pomba no patio, completaron os actos do Día da Paz neste centro.
Despóis de tanta chamada, cada cuál máis creativa se cabe, á Paz non lle quedou máis remedio que vir, e puidemos vela no sorriso dos nenos e nenas valdeorreses que cada ano comparten co mundo os seus mellores desexos.