sábado. 20.04.2024
O Barco

Nenos e maiores celebran xuntos os seus aniversarios na Residencia Fátima do Barco

O alumnado do colexio Condesa de Fenosa do Barco celebra os xoves último de mes o seus aniversarios cos dos maiores da residencia do Barco

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco estreou, o xoves 31 de xaneiro, unha nova actividade denominada «O día dos Aniversarios». Trátase de celebrar os «cumpreanos» dos nenos do colexio cos maiores da Residencia Nosa Señora de Fátima da vila barquense.

Os rapaces que estiveron de aniversario durante o mes apagan as velas diante os maiores

O derradeiro xoves de cada mes, un grupo distinto de alumnos do centro educativo acude a celebrar todos os aniversarios da clase que, se produzan durante ese mes, cos maiores da residencia que están nas mesmas circunstancias. Este derradeiro xoves de xaneiro foron os alumnos de 4º A de primaria os elixidos para celebrar os «cumpres» na residencia.

Tempo para os xogos logo da merenda

«Unha emotiva actividade», segundo nos contan desde o centro educativo que ademais ten un feixe de obxectivos e unha morea de beneficios, tanto para a formación do alumnado, coma para a vida diaria dos maiores. «Favorece a valorización e o respecto dos nenos cara as persoas maiores, rompemos coa monotonía das súas rutinas diarias e levamos ledicia á residencia —os nenos sempre aportan ledicia alí onde van e, entre as persoas maiores, moito máis— e todos nos sentimos útiles cultivando as emocións», aseguran desde o Condesa de Fenosa.



O colexio aportou para a celebración doces que realizaron na casa coas súas familias os nenos que ían a celebrar o aniversario na residencia xeriátrica. Por outro banda, na Residencia Fátima, os maiores fixeron un obradoiro de repostería o día anterior á celebración, para agasallar eles tamén os rapaces.

Maiores e rapaces compartindo merenda

Como fin de festa, despois da merenda, realizáronse xogos para facilitar o achegamento interxeracional e a interacción entre maiores e pequenos.

A participación foi numerosa

«Todo un éxito», manifestan

desde o centro educativo. Aseguran que continuaran coa actividade que se

realizará todos os xoves último de mes.

Fotos cedidas polo CEIP Condesa de Fenosa

Nenos e maiores celebran xuntos os seus aniversarios na Residencia Fátima do Barco