sábado. 07.06.2025
O Barco

Degustando os mellores viños na XX Feira do Viño de Valdeorras

Milleiros de persoas pasaron por O Barco esta fin de semana para degustar os exquisitos viños da comarca de Valdeorras na XX Edición da Feira do Viño.

Dende o Consello Regulador estímase que esta feira vinícola atraeu a máis de 8.000 visitantes. Aproximadamente, servíronse por riba das 7.000 degustacións, unha cantidade similar á do ano pasado.

Da apertura desta feira, o pasado sábado, encargouse o actor e cómico Javier Veiga, encargado do pregón, cheo de matices divertidos. Con el, na inauguración das xornadas festivas estivo tamén a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, o presidente en funcións do Consello Regulador, Francisco García, o vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde, Rosendo Fernández e o alcalde de O Barco, Alfredo García.

Tralo acto inaugural e baixo o lema “Viva o viño!” os asistentes puideron gozar de dúas xornadas cheas de actividades que xiraron entorno a esta bebida de deuses.

O recinto feiral permaneceu aberto en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 19:30 a 23:00 horas ámbolos dous días de feira. Un total de 18 bodegas da comarca exhibiron na praza de Viloira o mellor das súas colleitas.

A feira contou cun programa completo de eventos paralelos, que se iniciaban o pasado mércores coa II Ruta dos Pinchos.

O venres 14 tivo lugar a XVIII Cata Oficial de Valdeirras, na que participaron 13 bodegas da comarca cun total de 31 referencias distintas (18 marcas de tinto e 13 de branco), e cuxos premios e galardóns se entregaron o domingo pola tarde.

O primeiro premio aos viños brancos de Valdeorras foi para Casal Novo, da Adega Casal S.A.T. O segundo premio na mesma categoría foi para Viña Abad, de Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, e o terceiro para Cepado Godello, da Adega Cepado S.L.

En canto aos viños tintos, o primeiro galardoado foi D’Berna, de Guitián y Blanco S.C. O segundo premio foille outorgado a Viña Costeira Mencía, de Viña Costeira S.C.G., e o terceiro para Cepado Mencía, de Adega Cepado S.L.

Ademais destas distincións, a mención especial “viños doutras añadas” foi para Garnacha Vella da Chaira do Ramiriño 2015, de Bodega Sampayolo S.L.

Ao longo das dúas xornadas sucedéronse as actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos.

O centro das actividades programadas para o pasado fin de semana foi o showcooking celebrado no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense.

Degustando os mellores viños na XX Feira do Viño de Valdeorras