A peza teatral atraeu a numeroso público ao teatro barquense
Este venres o Teatro Lauro Olmo levantou o telón, e o fixo cunha peza que transita polas duras paisaxes que conforman a sociedade contemporánea: a soidade na vellez, o desencontro xeracional, a especulación inmobiliaria, o Alzeimer, o suicidio, a violencia no fogar; a amizade, os soños da infancia… Todo adubiado cun humor malvado que un mestre como Benet i Jornet manexa doadamente.
Dúas donas que bailan é unha traxicomedia de J.M. Benet i Jornet producida por Teatro do Atlántico e representada por María Barcala e María Ángeles Iglesias, todo elo baixo a dirección de Xúlio Lago.
Nesta peza teatral o autor comparte o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora, plena de beleza dramática e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacables embates da sociedade insensible e cruel na que lles tocou habitar.
Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos e tamén da axencia propietaria do inmoble.
Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana.
A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza da contratada non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e por veces traxicómico enfrontamento.