
Particulares e empresas poderán acceder a Internet a velocidades de ata 350 megas no núcleo urbano
Segundo informan desde R —empresa de telefonía que está a realizar os traballos da instalación da fibra óptica— a previsión é deixar Petín conectado á rede de R a finais de abril. «Malia que os traballos de despregamento proseguirán, de xeito que, cando se completen totalmente, arredor de 130 residencias particulares e empresas quedarán preparados para acceder a Internet a velocidades de ata 350 megas», sinalan desde a empresa.
Nestes días estanse acomentendo os traballos de soterramento do cable na rúa da Ponte e na praza de Dr. Quiroga. Logo tocaralle as zonas do Sobredo e á do antigo poboado de Iberdrola.
O alcalde, Miguel Bautista mostrou a súa satisfacción de que o municipio conte cunha conexión de Internet de alta velocidade. «Era hora de que o rural tivera unha conexión decente. Se queremos que a xente se estableza no rural hai que propiciar as condicións. Hoxe todos os temas administrativos se fan vía telemática e cos 3 megas que hai até o de agora, malamente se podía facer nada», sinalou o rexidor.
Petín é unha das poboacións incluídas no proxecto de despregamento con axudas do Ministerio —plans PEBA con fondos FEDER—.
O Plan de Banda Larga lanzado pola Xunta facilitará o acceso a Internet de alta velocidade en zonas que carecen desta cobertura e de previsión de dispoñer dela. A principios do pasado ano, o Goberno galego aprobou unha liña de axudas a operadores por importe de 14,2 millóns de euros ata 2020
Esta actuación complementa ás convocatorias que ten en marcha o Estado cun orzamento adxudicado de 21 millóns de euros.
Con estas actuacións no 2020 un 74% dos galegos disporán de acceso a redes ultrarrápidas, unha porcentaxe que se ampliará coas novas convocatorias previstas polo Estado.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).