O Concello de Vilariño segue «traballando no que nos demandan os veciños»
O Concello de Vilariño de Conso non escatima en esforzos para seguir «traballando no que nos demandan os veciños», segundo asegura a alcaldesa Melisa Macia. As licitacións e obras son dous dos piares fundamentais que están a levar a cabo durante estes primeiros catro meses do ano.
Polo de agora están traballando en «dúas licitacións que temos abertas. Unha é para o quiosco bar da praia fluvial e a outra para o alugueiro social de dous apartamentos», explica.
No caso de estar interesado no establecemento da praia fluvial, «as bases e os requisitos están na plataforma do Estado. Cobramos un canon por temporada para dous anos», asegura Macía. Iso si, está totalmente equipado e a persoa interesada «ten que dedicarse o epígrafe de hostalaría ou actividades lúdicas».
O prazo do alugueiro social xa está aberto «para todas aquelas persoas que se queiran presentar ou para vir a vivir a Vilariño», informa a alcaldesa. Ao que engade: «Teñen unha oportunidade de ter dous apartamentos cunhas vistas impresionantes a estrear».
Por outra banda, a alcaldesa espera que nos «próximos días ou no mes de maio o albergue municipal volva estar operativo, xa que estivo cerrado por esta licitación que fixemos». Cabe recordar que este recinto conta con 50 prazas de capacidade tanto para durmir como en restauración e bar.
A aldea modelo de Soutogrande non queda atrás, «sacamos unha licitación de aproveitamento e xa cerrou o prazo. Temos unha persoa presentada que é un chico de aquí. Esperamos que canto antes estea traballando para ter a aldea con vida», conclúe Melisa Macía.