Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso, fai balance do 2023
Remata o 2023 e toca facer balance. Para o Concello de Vilariño de Conso foi un ano positivo no que levaron a cabo moitas accións que tiñan xa planificadas no seu anterior mandato.
«O que destacaría é o fin da residencia da terceira idade e a creación dunha casa do maior no Concello. As dúas eran cousas moi necesarias para os maiores», relata a propia Melisa Macía. Pero estas non foron as únicas melloras que tivo o municipio, tamén se fixeron importantes avances nas infraestruturas viarias.
O proxecto de ordenación de Soutogrande, do que se comezou a falar en xullo, está agora mesmo en fase de exposición pública. E, doutra banda, están as obras das Portas, aínda que o Concello non ten nada que ver, están a ter un atraso de aproximadamente 6 meses. «Esperemos que acaben pronto porque é moi necesaria esa subestación», comenta a alcaldesa.
Un ano cheo de actividades
Deixando a parte de obras, rehabilitacións e melloras, comezamos a falar das actividades, tradicións e festas. Durante estes meses fixéronse desde cantos populares, un certame de música polas Letras Galega, o Entroido e a Mascarada.
No verán, por exemplo, as actividades foron máis ben dirixidas a os máis pequenos. O que se pretende é que todos os veciños e veciñas, sen depender da súa idade, poidan desfrutar o máximo posible. Tamén levaron a cabo distintas xornadas folclóricas, gastronómicas, culturais, etnográficas. En resumo, diversidade para todos os públicos.
A creación do Vianariño
«Foi un grupo que se dedicaban a ir xogar en modo afeccionado a torneos e outros xogaban en distintos equipos. Ao final acabou xurdindo a idea de facer un grupo en común, tal e como facemos outras actividades», lembra a alcaldesa. Ó que engade: «A parte creouse un novo equipo feminino entón, para min, é unha satisfacción».