O incendio que se iniciou con múltiples focos ao mesmo tempo quedou extinguido seis horas máis tarde
O incendio que calcinou 85 hectáreas iniciouse con múltiples focos ao mesmo tempo no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido. Segundo informou a Consellería do Medio rural o lume comezou ás 16:20 horas, do 16 de marzo e quedou extinguido ás 22:51 horas. Segundo as estimacións desta consellería, afectou a unha superficie dunhas 85 hectáreas de monte raso, aínda que esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Na extinción deste incendio traballaron 4 axentes, 9 brigadas, 4 motobombas e 7 helicópteros.
Desde Consellería do Medio Rural lembran que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.