Vilamartín de Valdeorras deu este sábado, 7 de febreiro, o pistoletazo de saída ao Entroido coa celebración da tradicional Xuntanza de Folións e a Festa das Sopas de Allo, unha cita organizada polo Folión Os Viticultores que, un ano máis, conseguiu reunir a numerosas agrupacións chegadas de distintos puntos.
A xornada comezou pola mañá na praza, onde estaba previsto o inicio do desfile que levaría aos folións ata A Rodeleira. Antes de botarse á rúa, o permiso e o pregón marcaron oficialmente o comezo da celebración. Como é costume, foron os máis pequenos do Folión Os Viticultores os encargados de dar a benvida aos participantes e ao público asistente. O permiso solicitouno Concha, do Folión de Carracedo da Serra, mentres que o pregón correu a cargo de Ana María, Kiki e Pepe, membros do folión anfitrión.
Co son dos bombos, das aixadas e das cornas enchendo o aire, foi precisamente o Folión Os Viticultores o que abriu o desfile. Tras eles seguiron o Folión de Carracedo da Serra, O Tameirón, o Folión de Petín, O Fiadeiro de Trives, Sobrado (Trives), O Irrio (Castro Caldelas), As Tablillas (Valdín-Porto), Chandrexa de Queixa e O Can de San Roque (Vilardevós), conformando un percorrido cheo de ritmo e identidade popular.
Porén, a meteoroloxía acabou por marcar o desenvolvemento da mañá. A choiva, que ameazaba desde o inicio, comezou a caer con forza a metade do desfile, obrigando aos folións a recoller e trasladarse ao Pavillón Municipal. Alí, lonxe de apagarse o ambiente festivo, a celebración continuou con máis ganas ca nunca.
Ás 14.30 horas daba comezo a VII edición da Festa das Sopas de Allo, á que estaban convidados todos os folións participantes, tal e como vén sendo habitual. O menú, especialmente agradecido polo frío reinante, incluíu aperitivos, empanada, sopas de allo, orella e morro á galega, chourizos cocidos con patacas, bica, café, licores e bebidas. Un xantar colectivo que serviu para quentar o corpo e reforzar os lazos entre agrupacións, pechando unha mañá na que a choiva non foi quen de frear nin a música nin as ganas de Entroido.
