San Vicente é un pobo ao que lle gustan as reunións e, se son festeiras, mellor. Semellan doutro planeta, a súa unión pode con todo. Están xuntos nas duras e nas maduras, e este domingo volveron demostralo. A pesar de despediren ese mesmo día a un veciño, non renunciaron a celebrar o Santo Tirso e a Virxe de Lourdes. Iso si, a misa e a procesión atrasáronse para poder asistir previamente ao enterro.
Caían chuzos de punta, pero finalmente a chuvia amainou e o Santo e a Virxe percorreron o traxecto entre casas ardidas. Unha morea de veciños congregouse no barrio dos Chelos, onde se atopa a capela do Santo. A misa foi presidida polo párroco Gregorio, que posteriormente quedou a xantar cos veciños.
E xa se sabe que en San Vicente non hai celebración sen unha boa comida. O menú foi un cocido completo, con garavanzos, patacas, repolo, orella, chourizos e lacón.
Non faltou a sopa quentiña que soupo a gloria despois do frio e da chuvia que caeu na procesión,
De sobremesa, brazo de xitano e queixo con marmelo. E aí non rematou a cousa: café, chupitos e queimada, porque en San Vicente non andan con medias tintas.
Máis de cincuenta veciños reuníronse na antiga escola para falar, comer e lembrar. Non houbo baile como en anos anteriores por respecto a Francisco, coñecido como o do Bar Leira do Barco, que fora enterrado esa mesma mañá na localidade. Na súa memoria proxectouse un vídeo con momentos compartidos con el nas festas do pobo.
Non foi o único vídeo que se viu, xa que tamén se proxectaron imaxes da festa do ano 1995, cando San Vicente era un pobo cheo de vida.
A Asociación cumpriu este ano nove anos polo San Vicente e, aínda que non puideron celebralo no seu momento, aproveitaron esta xornada para facelo. Ademais, estrearon camisetas negras co debuxo do castiñeiro milenario que ardeu nos incendios, acompañado da inscrición «Sempre San Vicente de Leira» cun corazón verde no seu interior. Na parte traseira podía lerse: «Cinzas que berran, lume no peito, bágoas que medran, por un fogar desfeito».
Entre a chuvia, a dor e a memoria, San Vicente volveu demostrar que segue en pé. Porque cando un pobo se xunta arredor das súas tradicións, dos seus santos e da súa xente, nin o lume nin o tempo poden con el.
