.
Este Nadal, a luz convértese nunha mensaxe de esperanza no rural Valdeorrés. As aldeas de O Mazo, en Vilamartín de Valdeorras, e A Veiga de Cascallá, en Rubiá, apostaron por unha decoración navideña especial que vai máis alá do estético: é unha forma de reivindicar a vida, a unión veciñal e a capacidade de sobrepoñerse ás feridas deixadas polos incendios dos últimos anos.
En O Mazo, unha pequena aldea de apenas 12 habitantes, a iluminación deste ano fai que o lugar luzca máis acolledor ca nunca. As árbores á beira do río e a ponte que o cruza énchense de luz, creando unha estampa que invita ao optimismo. A iniciativa partiu da Asociación Veciñal ValdoMazo, presidida por Santi, quen explica que a decisión de decorar con especial mimo naceu da dor vivida tras os lumes.
O incendio deixou unha fonda pegada no pobo: varias construcións resultaron danadas —vivendas, garaxes, alpendres e parte dunha adega— e tamén a zona do río, que, segundo relata Santi, “baixa negro cada vez que chove”. Ante esta realidade, a veciñanza decidiu responder con luz, cor e traballo colectivo.
Un espírito semellante vive A Veiga de Cascallá, en Rubiá, outro dos núcleos afectados polo gran incendio de 2022. Desde entón, os seus veciños traballan para embellecer o pobo e devolverlle a vida que o lume tentou apagar. O Nadal convértese así nun momento propicio para iluminar rúas, casas e prazas, demostrando que, malia as dificultades, o rural segue en pé.
As decoracións non son só un adorno, senón unha declaración de intencións. En O Mazo e A Veiga de Cascallá, a veciñanza sente orgullo de seguir vivindo no rural, nun entorno que consideran máxico e cheo de futuro. Porque, como lembran estes pobos, a vida continúa e, ás veces, unha luz no medio da noite é suficiente para manter acesa a esperanza.
