domingo 29/5/22

Máis de 200 estudantes valdeorreses farán un roteiro polo Córgomo de Florencio

As Letras de Florencio celebra nos próximos días varias rutas guiadas pola aldea natal do poeta na que estarán escolares de toda a comarca
somoscomarca_roteiro_corgomo_florenciodelgado_06_02_2022
Máis de 200 estudantes valdeorreses farán un roteiro polo Córgomo de Florencio

O máis próximo non é sempre o máis coñecido e por iso dende As Letras de Florencio, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, organizouse un roteiro educativo pola aldea natal de Florencio destinado aos centros educativos da comarca de Valdeorras.

Estará guiado por Débora Álvarez Moldes, cooordinadora das Letras de Florencio, e Fernando Santalla, veciño de Córgomo e parente do poeta.

As visitas xirarán en torno aos lugares da aldea que tantas saudades poéticas lle inspiraron, comezando na Portela ou en Baxeles, aldeas veciñas nas que Florencio tiña bos amigos e que visitaba con frecuencia. O roteiro deterase en puntos da súa biografía, como a casa natal e mais a do Poulo, onde viviu de mozo, e tamén noutros mencionados nos seus poemas como a igrexa da Santa Marta ou a Aira dos Bolos onde «xogan, mau a mau / o Severino i o Ferros!».

De momento está programada a visita de catro centros educativos, o que suma máis de douscentos alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria. As datas e centros son os seguintes:

  • Mércores 11 de maio, Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco de Valdeorras. Saída ás 9.30 dende A Portela.
  • Venres 13 de maio. CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras. Saída ás 10.00 dende Baxeles.
  • Luns 16 de maio, CEIP Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras. Saída ás 10.00 dende Baxeles.
  • Venres 20 de maio, CPI Tomás Terrón Mendaña, Carballeda de Valdeorras. Saída ás 10.00 dende Baxeles.

Máis de 200 estudantes valdeorreses farán un roteiro polo Córgomo de Florencio