
O sábado día 8 de decembro, ás 17:00 horas, terá lugar a inauguración de Córgomo Arte VII, unha edición que contará coa participación de doce artistas de disciplinas diversas, que a través da súa ollada nos amosan a beleza contida na xeometría da arte. Ademáis das obras de Manuel Conde e Victorino Núñez «Torino», anfitriones e «culpables» ano tras ano de manter viva a ilusión de Córgomo Arte, este ano exporán a súa obra os artistas Violeta Bernardo, dende Sarria, David Cata de Viveiro, Arturo Ceide e Beatriz Pérez, «Equipo Esparrela» dende Monforte de Lemos, Cristina Vázquez «Crystilandia» y Laura Varela de Escairón, Martín Lestao, de Burela, y Noé Blanco, Gerardo Rodríguez «Chere» e Luís Enrique Rodríguez, «Coquixo» en representación da comarca de Valdeorras.
A exposición permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2019 e poderá visitarse as fines de semana e os festivos das 10:00 horas ás 22:00 horas.
Dende a organización contan que «coa sétima edición quere celebrar que, a pesar de tódolos atrancos, Córgomo Arte non so segue vivo, senón que medra e madura cada ano que pasa, sen perder o seu espírito orixinal, de amosar a arte núa de artificios nin ataduras, desde o rural para o mundo. Na nosa pretensión está en dalo a coñecer e irradiar o efecto contaxio cada vez a máis lugares. Este mesmo ano, Córgomo Arte exportou o seu proxecto cara a Mariña de Lugo e nesta edición prevemos itinerala a algún sitio máis. O noso é un proxecto excepcional e auténtico, que traballa sempre desde as premisas da honestidade e a xenerosidade e que merece ser coñecido pola súa calidade artística, mais tamén polos principios que defende e os valores que transmite.
«SETE» é o título desta edición, porque é un bo número para cumprir anos, o 7 é un número máxico e cargado de simbolismo. Abandonamos o conceptualismo das últimas edicións e abordamos a obra de arte desde unha perspectiva máis técnica, a xeometría, a proporción, a perspectiva, etc. que se agochan nos fundamentos da creación artística. A sección áurea ou a teoría da relatividade acompañaron a historia da arte na súa procura da síntese da beleza perfecta.