
Vilamartín de Valdeorras acollerá o vindeiro 2 de agosto unha nova edición da tradicional Festa das Covas, que este ano alcanza a súa vixésimo sétima celebración. O evento, organizado pola Asociación de Coveiros de Vilamartín coa colaboración do Concello de Vilamartín, reunirá veciñanza e visitantes arredor do viño, os petiscos e a música nun ambiente festivo e profundamente enraizado na cultura local.
Un total de 44 covas abrirán as súas portas nas rúas Iryda (na estrada que conduce ao Mazo), Os Barreiros, Mirador, Justino Fernández, O Vadalal, O Caño e A Reza, converténdose en auténticos espazos de encontro onde se ofrecerá viño e pinchos doces e salgados en abundancia.
As entradas xa están dispoñibles en venda anticipada por 18 euros a través da plataforma vivetix.com. O prezo en taquilla será de 20 euros. A entrada inclúe, como é tradición, a cunca de barro e o pano identificativo, cuxo deseño e cor —que cambia cada ano— mantense en segredo ata o inicio da festa.
A actividade nas covas estenderase ata as 12 da noite, momento no que se pecharán as adegas, dando paso á festa rachada, que continuará ao longo da madrugada con música e animación nas rúas da vila.

Para facilitar os desprazamentos, a organización habilitará servizos de autobuses desde A Rúa (ás 19:40 h) e desde O Barco (ás 20:00 h), con regreso previsto ás 3:00 da mañá.
A Festa das Covas de Vilamartín consolídase ano tras ano como un dos eventos enogastronómicos máis destacados da comarca, reunindo miles de persoas arredor do viño, da gastronomía local e dunha tradición viva que segue medrando con cada edición.
