martes. 23.09.2025

Correndo pola vida: a Carreira das Cidades regresa en novembro a Valdeorras

O 23 de novembro celebrarase en Vilamartín a oitava edición desta proba benéfica, que xa leva recadados 100.000 euros para a investigación do cancro de páncreas.
somoscomarca_estudio_evaiglesias_belen_gonzález (2)
Correndo pola vida: a Carreira das Ciudades regresa a Valdeorras

A solidariedade e o deporte volverán darse a man o vindeiro domingo 23 de novembro en Vilamartín de Valdeorras. A comarca xa se prepara para acoller a oitava edición da Carreira das Cidades, un evento que transcende o ámbito deportivo e que se converteu nun auténtico símbolo de loita, esperanza e memoria contra o cancro de páncreas, unha das enfermidades máis agresivas e con peor prognóstico da actualidade.

Un proxecto nacido do duelo, convertido en homenaxe

Tal e como lembraron en Radio Valdeorras Eva Iglesias e Patricia González, dúas das impulsoras locais da cita, a carreira en Valdeorras xurdiu no ano 2018 como un xeito de transitar o duelo e render homenaxe a Miguel, irmán de Patricia e marido de Belén —outra das organizadoras—, falecido por esta doenza.

«A carreira das cidades de Vilamartín é un homenaxe, igual que en todas as demais localidades onde se celebra. Naceu da dor, pero tamén da necesidade de facer algo útil», explicou Eva Iglesias. «É unha experiencia agridulce: doe polo recordo da persoa perdida, pero ao mesmo tempo dá forza comprobar que ese sufrimento se transforma en axuda para moita xente», engadiu.

Cifras que falan por si mesmas

A carreira está hoxe máis consolidada que nunca. Na pasada edición logrou reunir a 900 participantes e recadou 20.000 euros, unha cifra que supuxo o 10% do total das becas nacionais de investigación. En sete anos de andaina, só en Valdeorras xa se teñen recadado 100.000 euros, o equivalente ao financiamento completo dunha beca científica.

O impacto destas cifras é evidente se lembramos a evolución da supervivencia. «Cando comezamos, a taxa de supervivencia era do 5 %. Agora está xa no 10 %. Pode parecer pouco, pero significa que os fondos que conseguimos se traducen en avances reais», subliñaron as organizadoras.

Porén, a batalla está lonxe de gañarse, en España diagnostícanse hoxe arredor de 10.000 novos casos ao ano, fronte aos 7.000 ou 8.000 que se rexistraban hai unha década.

Un evento 100 % solidario

Un dos aspectos máis salientables da Carreira das Cidades é o seu carácter plenamente benéfico, o 100 % das inscricións destínanse directamente á investigación a través da Asociación Cáncer de Páncreas (ACANPAN). Ademais, a través do merchandising solidario —camisetas, cuncas, etc.— e outras doazóns, fináncianse servizos de apoio a pacientes e familias, como sesións gratuítas de psicoloxía.

«É un evento único porque aquí todo é altruísta. Nós traballamos gratis, os patrocinadores e institucións apoian, e así conseguimos que cada euro das inscricións vaia destinado a investigación. Non hai moitos eventos así en Galicia nin en España», destacou Eva Iglesias.

Apoios imprescindibles

Detrás desta carreira hai un forte compromiso colectivo. O Concello de Vilamartín, a Delegación Valdeorresa de Atletismo, numerosos patrocinadores grandes e pequenos, e voluntarios anónimos fan posible que a proba saia adiante ano tras ano.

Este 2024, tras os devastadores incendios que afectaron á comarca, chegou a dubidarse da súa celebración. «Chegamos a pensar que non era o momento, pero o alcalde Enrique insistiu en que tiña que facerse. A vida segue e, por desgraza, o cancro non se detén», lembraron as organizadoras.

Orgullo valdeorrés

Valdeorras sorprende edición tras edición pola súa capacidade de mobilización. «Ás veces recadamos o mesmo que cidades como Terrassa, con 200.000 habitantes, cando aquí somos dez veces menos. A presidenta de ACANPAN sempre queda abraiada co que conseguimos», recoñecen.

Ese orgullo reflíctese tamén no compromiso persoal. Para Patricia González, cada edición é unha forma de manter vivo o recordo do seu irmán: «Mentres se siga falando del, segue estando presente. Sei que estaría moi orgulloso de ver como a súa loita axuda a tantas persoas».

Eva Iglesias coincide: «O meu desexo é que ningún familiar teña que volver pasar por un diagnóstico así. O que facemos é unha carreira de fondo: cada paso, cada euro, cada inscrición suma. Por iso seguimos, a pesar das dificultades».

A cita: 23 de novembro en Vilamartín

A oitava edición celebrarase este ano en novembro, coincidindo co Mes Mundial do Cancro de Páncreas, despois de que en anteriores ocasións tivera lugar en outubro. As inscricións abriranse en breve, unha vez pechados os patrocinios.

A organización fai un chamamento á participación masiva da comarca e da provincia: tanto deportistas como familias, nenos e maiores, todos teñen cabida nesta carreira. «Dende o euro máis pequeno ata a inscrición máis alta, todo conta. Cada paso suma fronte ao cancro de páncreas», concluíron.

 A cita é o domingo 23 de novembro en Vilamartín de Valdeorras. Aínda estás a tempo de unirte e correr pola vida, pola investigación e polo recordo de quen loitaron contra o cancro de páncreas.

Correndo pola vida: a Carreira das Cidades regresa en novembro a Valdeorras