domingo. 08.06.2025

Controlado o incendio forestal de San Vicente (Vilamartín)

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 25 hectáreas de superficie

Case que 50 hectáreas de monte raso e arboreda é o que leva ardido nos dous incendios de San Vicente de Leira en Vilamartín de Valdeorras declarados nos últimos días. A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado onte na parroquia de San Vicente de Leira, quedou controlado ás 12:54 horas, de hoxe martes.

Este lume orixinouse ás 19:47 horas da tarde de onte e, segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 25 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas e 1 helicóptero.



«O incendio estivo moi vivo ata as dúas e media da mañá, cando cambiou a dirección do vento», explica Enrique Alvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín. O rexedor acompañado polos seis membros de Protección Civil do concello estiveron onte a tarde no lugar do suceso ca motobomba por si era necesario a súa actuación. Foi unha noite complicada, segundo relata Barreiro xa que «se temía que si o lume prendía nos pinos que hai cerca dos Chelos—lugar por riba de San Vicente— poderían arder as casas».  «Rodearon o pueblo con mangueiras, incluso viñeron os bombeiros da Rúa que puideron entrar pola estrada de abaixo», subliña.



Ademais de monte raso o alcalde confirma que arderon castiñeiros  pola zona que está preto do depósito da auga e tamén pinos. «Sigo con medo a que o aire que agora amainou volva a soplar ou cambie de dirección e no la volva a armar», manifesta .

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Controlado o incendio forestal de San Vicente (Vilamartín)