
Remontámonos aos anos 60 ou 70 en Vilamartín de Valdeorras, momento no que se desfrutaba da Festa da Enxerta. Despois de moitos anos, dende o Concello queren conmemorar esta festividade. Farana coincidir co día de San Xurxo.
O que se pretende é recuperar unha tradición que tanto lle achegou o municipio. «Esta iniciativa foi moi significativa para a poboación de Vilamartín», asegura Sherezade Núñez, tenente alcalde. Segundo o que explica, é unha «mágoa que se estivera esquecendo a festa e tamén a práctica».
Na actualidade, temos moi «interiorizado que a enxerta realízase dunha forma mecánica, pero isto non sempre foi así». Antigamente estaba a maneira manual, nela existía unha delicadeza e paixón para que saíse o mellor posible.

«O que queremos é sacar esta festa do pasado e poñela en valor. Que os viveristas e enxertadores se sintan recoñecidos. E tamén que recorden as prácticas que facilitaron outras persoas fai anos», asegura Núñez.
Aurelio Blanco, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, colabora coa organización dando «un enfoque histórico e uns datos que proporcionan sentido a esta festa e oficio». Esta iniciativa «vámola facer coa Ruta do Viño. Eles estaban moi interesados en recuperar elementos da vitivinicultura de Valdeorras».
Despois da demostración da enxerta manual e o pregón-coloquio, terá lugar unha cata de carácter popular. «Contaremos con Cecilia Fernández, enóloga de Valencia do Sil, para presentar unha serie de viños que estean unidos a nosa terra para fiar toda a actividade», adianta. Será o 20 de abril ás 11:00. A praza Xosé Luis Núñez será o escenario da unión do pasado e o presente.
Se desexa escoitar a entrevista completa e non perderse nada da Festa de Enxerta, pode facelo aquí: