Besteiro desde San Vicente de Leira: «Non imos permitir que ninguén quede atrás nesta traxedia»
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, regresou esta mañá á zona máis afectada polo incendio deste verán en Galicia, que arrasou decenas de vivendas. Acompañado de veciños e cargos socialistas, reiterou o seu compromiso coa poboación afectada e esixiu á Xunta unha resposta inmediata, organizada e con recursos suficientes.
«Volvemos aquí para cumprir o compromiso coa súa xente. Iniciamos un plan de accións en todas as zonas afectadas de Galicia, hoxe aquí, axudando a tramitar as axudas, porque cada día conta e porque ninguén pode quedar atrás», subliñou Besteiro.
O líder socialista acusou á Xunta de improvisación e falta de previsión: «O grave é que seguimos sen saber cantos cartos vai aportar a Xunta. Non houbo prevención, non houbo coordinación. Agora tampouco hai planificación orzamentaria». Ademais, insistiu en que as axudas deben chegar a todas as persoas e sectores afectados: «Van recibir axudas todas as persoas e todos os sectores afectados? Iso é o que estamos a esixir e o que estamos a falar hoxe».
Sobre a situación vivida durante o incendio, recordou os problemas de infraestruturas que obrigaron á veciñanza a improvisar saídas: «O que vivimos aquí en San Vicente foi a zona cero porque colapsou todo, non? E colapsaron cousas que durante anos se dicía que ían colapsar. A falla desa vía de comunicación que tivo que abrir o alcalde en colaboración cos veciños foi a única saída posible da trampa na que se viron todos».
En relación ás declaracións da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González, Besteiro foi contundente: «Hai que reprochar claramente esas declaracións».
O secretario xeral do PSdeG destacou que as axudas deben ter un enfoque integral: «As indemnizacións deben servir para recuperar o patrimonio e non simplemente para indemnizar os danos. Recuperar o medio rural tamén implica que esas axudas sirvan para que a xente viva aquí».
Finalmente, reclamou un cambio profundo na política forestal e de prevención de incendios: «A Xunta e o Partido Popular miraron para outro lado. Non souberon previr, nin planificar a extinción, e agora tampouco son capaces de planificar as axudas dunha forma ordenada. Levan 17 anos gobernando e non mudaron a política. Nós apostamos por que todas as administracións colaboren: a Xunta, o Estado, as deputacións e os concellos. Porque do que se trata é de recuperar o noso patrimonio e a vida da xente aquí».