
Córgomo Arte convoca a décimo primeira edición da mostra que xurde da necesidade de crear un espazo de encontro e de diálogo para os artistas da comarca de Valdeorras.
Entre 9 de decembro e o 7 de xaneiro, os artistas participantes poden amosar as súas creacións e desfrutar libremente da arte e, ó mesmo tempo, usar a arte como medio para dinamizar a acción cultural no rural.
O certame está aberto a artistas de diferentes disciplinas (pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, vídeo creación, etc. Poderanse presentar ata un máximo de dúas obras, no caso de tratarse dunha instalación, so se admitirá unha.
«A convocatoria deste ano é unha autorreflexión, mantense nesa liña e pretende volver a mirada cara un mesmo, buscando a nosa propia esencia nun mundo que nos atrofia e nos despersonaliza converténdonos en autómatas sumisos ó sistema», subliñan desde a organización.

Prazo e solicitude
O prazo máximo de presentación de solicitudes remata o venres 24 de novembro de 2023, ás 00.00 horas e cada obra presentada ten que incluír unha breve descrición que ademais xustificará ou establecerá unha relación entre as pezas e a temática escollida para a presente edición.
Deberán constar os datos técnicos da obra —título, técnica, medidas— e axuntarase unha fotografía da mesma. Asemade, incluiranse os datos persoais e de contacto do artista —nome, dirección, mail e tfno. de contacto—.
A documentación será enviada á dirección de correo [email protected].

Temática
"Fragmenta", fragmentos en latín, é o título escollido para este ano. Representa as múltiples facetas que unha mesma persoa pode ir desenvolvendo ó longo da súa vida, construíndose e deconstruíndose segundo os dominio que sobre nós teña o ecosistema no que habitamos.
O filósofo alemán Georg Simmel dicía que todos somos fragmentos, non xa dunha globalidade, senón de nós mesmos. Este ano, desde Córgomo Arte queremos xuntar os pedazos, reconstruírmonos e recoñecernos como seres diversos nunha sociedade plural, tolerante e inclusiva.
«Córgomo Arte volve ós poucos á postnormalidade, sempre coa aspiración de facer da arte unha ferramenta de expresión para pensar e facer pensar sobre a sociedade da que formamos parte, desde as marxes e dun xeito crítico», sinalan desde a organización.

Dereitos e deberes
A organización do certame non se fará cargo transporte das obra. As obras realizadas para a presente convocatoria serán propiedade dos creadores, polo que unha vez finalizada a mostra estes disporán de 20 días para retiralas.
Os participantes deberán aportar a cantidade de 50 € para custear a cartelería e os materiais de difusión e de montaxe da mostra. Os artistas seleccionados farán entrega desta cantidade no mesmo momento no que deixen as súas pezas na sede do certame para a súa montaxe.

Comité de selección
A selección das obras estará ó cargo das comité organizador do certame. Valorarase a calidade da obra e a súa adecuación ó tema escollido para a presente edición. Os artistas seleccionados serán notificados por correo electrónico e a través do seu teléfono de contacto.
