domingo. 08.06.2025

Os vertidos da Mina de Penouta chegan o Congreso

Néstor Rego esixe á Confederación Hidrográfica Miño-Sil «actuacións contundentes» ante o risco para a saúde das persoas e o medio natural

 

portada_somoscomarca_1404_penouta_6855
Os vertidos da Mina de Penouta chegan o Congreso

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar preguntas dirixidas ao Goberno sobre os «vertidos de augas contaminadas na Mina de Penouta», no termo municipal de Viana do Bolo. A maiores engadiu cuestións sobre as actuacións previstas por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Así mesmo, a fronte nacionalista «denuncia a pasividade e a opacidade do ente público ó respecto». Rego demanda actuacións contundentes para que non se repitan os vertidos contaminantes que «pon en risco a saúde das persoas e o medio natural».

O BNG formula estas cuestións após coñecer unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense pola existencia de vertidos procedentes da Mina de Penouta. «Segundo os datos fornecidos na denuncia, estes vertidos—recollidas dentro do espazo natural da ZEC de Pena Trevinca en Rede Natura 2000—, teñen altas concentracións de metais pesados».

Segundo se explica, «a presenza de cadmio supera 112,5 o valor máximo permitido e os valores de arsénico tamén se sitúan 30 veces por riba do nivel legalmente autorizado».

«É incomprensíbel como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil continúa desatendendo as súas obrigas porque hai que lembrar que esta non é a primeira denuncia que se produce en relación ós vertidos que se producen desde a Mina de Penouta», asegura o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego critica «a pasividade e a opacidade da Confederación», sumado a isto demanda «actuacións contundentes ante este suceso».

«Non é a primeira denuncia formulada».

Segundo explican dende o BNG, esta non é «é a primeira denuncia formulada ante a Confederación Hidrográfica en relación ós vertidos da mina da Penouta». Ao que engaden: «O Servizo Municipal de Augas de Viana do Bolo interpuxo diversas denuncias ante a Administración polos episodios recorrentes de contaminación, que motivaron a incoación de expedientes sancionadores». Sumado a todo isto, explican outras denuncias rexistrada. 

Os vertidos da Mina de Penouta chegan o Congreso