
O anuncio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia —TSXG—, de que se anulaba o permiso de explotación na mina de Penouta en Viana do Bolo, provocou que o partido socialista do municipio rexistre unha solicitude para convocar un pleno extraordinario en relación con esta situación. Pedindo así que se celebre «coa maior urxencia posible».
Para o grupo municipal socialista vianés a situación «é de extrema gravidade», xa que tal e como apuntan o peche afecta especialmente a «traballadores, traballadoras, pero tamén a veciñanza en xeral, pola riqueza económica que xera a mina na vila e comarca».
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García Ávila-Arias, subliña que «vemos con preocupación a situación na que vai quedar todo o tecido empresarial e económico do municipio ante esta situación». Motivo polo que lle pide ao grupo de goberno municipal «non perder máis tempo e adoptar iniciativas que revertan a situación, achegando propostas para atopar e coñecer posibles solucións ao cesamento de actividade da mina de Penouta».
García-Ávila Arias considera que «ademais da riqueza económica que a mina da Penouta xera para Viana do Bolo no relativo aos postos de traballo, tamén estamos falando dunha explotación que é referente na extracción dun mineral estratéxico como o coltán a nivel nacional e europeo».
A maiores, consideran «primordial» que a mina «preserve todas as garantías de salubridade e seguridade» e subliña que «é factible que funcione nestas condicións», polo que pide a implicación das diferentes administracións para «solucionar os problemas actuais».