
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o pleno municipal do vindeiro 3 de febreiro na que insta ao goberno municipal a que proceda a construción dun paseo ou malecón nas ribeiras do encoro do Bao. Os socialistas avogan porque esta construción se leve a cabo en dúas posibles localizacións, tralo paseo existente o rematar a ponte da estada da Gudiña, ou ben facelo entre a ponte da estrada que se dirixe a Vilariño de Conso e a ponte da estrada da Gudiña.
Os socialistas apuntan a que os terreos que están actualmente na beira do encoro carecen na súa maioría de uso e son propiedade de Iberdrola que ten os dereitos sobre as marxes embalsadas para o aproveitamento hidrográfico destas augas. Por este motivo, instan ao goberno municipal a iniciar as conversas coa empresa propietaria do aproveitamento, para conseguir a cesión de ditos terreos para a construción de dito paseo.
A Agrupación Socialista de Viana do Bolo considera que este proxecto serviría para aproveitar a "beleza que ofrece a paisaxe do encoro" e deste xeito "atraer turistas que buscan o contacto coa natureza", ademais de servir para "o uso e desfrute da veciñanza de Viana, que contaría cunha infraestrutura nun lugar único polas súas condicións naturais".
Os membros do partido piden que o paseo conte con bancos e árbores para que deste xeito a zona se converta nun lugar de xuntanza seguindo os exemplos do Malecón do Barco de Valdeorras ou do paseo que se está a construír entre Petín e A Rúa.
Os socialistas piden na moción que no caso de aprobarse se inicien tamén contactos coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para deste xeito obter os permisos correspondentes para acometer dita construción. Tamén instan ao goberno municipal a realizar as xestións "oportunas" ante a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica e a Deputación Provincial de Ourense co fin de "obter fondos que permitan afrontar o investimentos destas obras e minimizar así a achega que teña que facer o Concello".