Víctor Ferreiro: entre o auxe da petanca e unha nova tempada para o Vianariño

O presidente das dúas entidades fala do sorprendente crecemento do novo club, que xa suma 70 socios, e dos retos dun Vianariño que prepara a próxima tempada coa vista posta especialmente na canteira.

 

A petanca chegou con forza a Viana do Bolo. O que comezou como a iniciativa dun pequeno grupo de amigos que quería contar cun lugar no que practicar este deporte acabou converténdose, en moi pouco tempo, nun club con arredor de 70 socios, tres pistas cubertas e un primeiro torneo que reuniu 30 dupletas.

Á fronte da nova entidade está Víctor Ferreiro, tamén presidente do Vianariño, que esta semana pasaba polos micrófonos de Radio Valdeorras-Onda Cero para falar dunha afección que medra e que sorprendeu incluso aos seus propios impulsores.

«Empezamos entre catro amigos para practicar un deporte que xa viña moi forte na comarca, en Petín, Vilamartín, O Barco ou A Rúa», explicaba Ferreiro.

A oportunidade apareceu nun antigo espazo cuberto no que se celebraba a feira. Tras falar co Concello de Viana do Bolo, acondicionouse o interior e creáronse tres pistas de petanca cubertas, unha característica especialmente interesante pensando nos meses de inverno.

«A diferenza está no inverno. Poder practicar tranquilamente cando os días son curtos e ás cinco e media xa é noite. É un sitio onde ir, practicar e estar un rato a gusto», sinalaba.

Un primeiro torneo que superou as previsións

A estrea das instalacións deixou claro que había máis afección da que inicialmente imaxinaban. O primeiro torneo reuniu 30 dupletas, unhas 60 persoas competindo, ás que se sumou numeroso público durante a xornada. A participación foi tan elevada que a organización tivo que habilitar outras dúas pistas de maneira provisional para poder axilizar a competición.

Chegaron xogadores de diferentes puntos da contorna, entre eles Petín, Vilamartín ou Vilariño de Conso, pero tamén persoas que pasan o verán na zona e residen durante o resto do ano en lugares como Francia, Portugal, Madrid ou Valencia. «Contabamos con ser unhas poucas parellas de amigos e ao final xuntámonos con moitísima xente», recoñece o presidente.

E precisamente a emigración explica en parte a tradición que este deporte ten entre algunhas familias da zona. Ferreiro lembra a importante vinculación de Viana con Francia, un país onde a petanca forma parte da vida cotiá e onde algúns dos participantes acumulan xa moitos anos de experiencia. «Nós aínda somos un pouco novatos e estamos colléndolle o punto, pero esa xente xa vén moi rodada. Levan moitos quilómetros de petanca enriba», bromeaba.

Un deporte no que poden competir xeracións diferentes

Unha das características que está favorecendo a incorporación de novos afeccionados é que a petanca non require unha gran condición física e permite compartir pista a persoas de idades moi diferentes.

Habilidade, precisión, estratexia e capacidade para decidir onde colocar cada bóla pesan máis que a forza física. «Pode chegar unha persoa de 70 anos ou unha de 18 e, practicando un pouco, podes estar en condicións de competir con calquera parella. Iso é o bonito deste deporte», explica Ferreiro.

E advirte dunha consecuencia para quen decide probalo: «A pouco que probas, engancha». A resposta do público durante o primeiro torneo reforzou as ganas de continuar. «Saíu fenomenal, todo en orde e rápido. Quedamos contentos nós e os que viñeron, e esperamos poder repetilo».

O Vianariño xa prepara a nova tempada

Da petanca, Víctor Ferreiro pasou en Onda Deportiva ao outro club que preside, o Vianariño, que xa iniciou a pretemporada. O equipo comezou os adestramentos a pasada semana, aínda nun mes marcado polos tradicionais maratóns de fútbol sala que se celebran na zona. A preparación irá aumentando progresivamente de intensidade á espera de coñecer os calendarios definitivos da Federación.

O primeiro compromiso previsto será a Copa Galicia a finais de agosto, antes de afrontar unha nova campaña na que o club volverá poñer boa parte dos seus esforzos no fútbol base.

Unha das novidades será a intención de crear un filial sub-23, pensado especialmente para que os xogadores que rematan a súa etapa xuvenil poidan continuar competindo e, ao mesmo tempo, ter a posibilidade de incorporarse ao primeiro equipo. «Queremos aproveitar sobre todo os nenos que pasan de xuvenís para que poidan estar no filial sub-23, ter opcións de subir co primeiro equipo e, por outra parte, seguir competindo», explica.

Reforzos para manter o xuvenil en Preferente

Especial atención terá tamén o equipo xuvenil. O Vianariño incorporou catro ou cinco xogadores para reforzar un conxunto que afrontará novamente unha categoría esixente. O obxectivo, explica Ferreiro, é «manter o nivel» e continuar competindo en Preferente, onde actualmente son o único equipo ourensán.

Máis complicada é a situación do equipo feminino. O club está intentando reunir xogadoras suficientes para poder mantelo en competición, pero cada tempada se atopa coa mesma dificultade: varias das futbolistas marchan fóra para continuar os seus estudos.

«É un equipo que estaba moi collido con pinzas a nivel de xogadoras. Imos intentar sacalo e, se non é posible, esperaremos poder recuperalo o ano que vén», sinala.

Mentres o Vianariño comeza outra pretemporada pensando xa nos primeiros compromisos oficiais, Viana suma unha nova modalidade á súa actividade deportiva. A petanca empezou case como unha reunión entre amigos e, con 70 socios e unhas instalacións que permiten xogar durante todo o ano, xa parece disposta a facerse un sitio propio no municipio.