viernes. 29.03.2024
portada_somoscomarca_vianadobolo_penouta_mina_strategis_2017_11 (5)
O pase a concesión de Mina Penouta, un impacto positivo para a empresa e a comarca

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avaliou esta semana con directivos de Strategic Minerals o impacto positivo que o pase a concesión de Mina Penouta (Viana do Bolo) pode ter nas cadeas de subministración de compoñentes tecnolóxicos.

De feito, o tantalio e o niobio están considerados elementos estratéxicos e o estaño é un mineral necesario para a transición enerxética pola súa escaseza e importantes propiedades na fabricación de compoñentes electrónicos para a automoción, así como para procesos químicos, instrumentos cirúrxicos ou mesmo implantes.

Até o de agora Mina Penouta tiña un permiso de explotación da sección B o que lle permitía unicamente aproveitar o mineral que contiñan as antigas balsas. Ca nova autorización pasan a ter unha concesión da sección C o que conleva a explotación do xacemento orixinal. A Xunta de Galicia vén de conceder o pase a concesión da sección C por 30 anos, o que se traducirá na creación de 75 empregos directos e un investimento de arredor de 40 millóns de euros.

Proxecto de sustentabilidade enerxética

Na reunión, a empresa presentou, ademais, o proxecto de sustentabilidade enerxética da mina que ten como obxectivo acadar o 100% do autoconsumo enerxético a través da xeración de electricidade grazas ao emprego de fontes renovables, como é o caso da fotovoltaica.

Para a Administración autonómica a minería trátase dun sector estratéxico —cómpre lembrar que arredor do 8% da produción mineira de España sae de Galicia—. Neste sentido, está elaborando, en consenso cos axentes que compoñen esta industria, a Axenda de Impulso da Minería Sostible. A Xunta busca así impulsar a innovación tecnolóxica e o talento neste sector; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega.

O pase a concesión de Mina Penouta, un impacto positivo para a empresa e a comarca