
A falta de médico deixa sen cobertura ao PAC de Viana que atende as urxencias deste concello e tamén de Vilariño de Conso e A Veiga —este último desde as 22.00 horas ate as 8.00 horas deste luns—. «Dende a CIG-Saúde de Valdeorras denunciamos que o día, 15 de setembro de 2024, o SERGAS deixa sen cobertura médica ao PAC que atende aos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e que atenderá ademais dende as 10 da noite tamén ao concello de Veiga», apuntan desde a CIG.
«Mais de 4000 habitantes do rural galego espallados por máis de 700 quilómetros cadrados de territorio de montaña estarán esta noite sen atención médica e máis de 3000 habitantes espallados por case 550 quilómetros cadrados levarán todo o día sen atención médica nos concellos de Viana e Vilariño», advirten desde o sindicatogalego.
«A actitude de desprezo da administración sanitaria actual coa nosa xente e o noso territorio está en límites nunca vistos» recalcan. Asemade refiren: «Dende a CIG enfrontarémonos a estas actitudes de todas as formas que poidamos e pedimos á poboación e aos grupos políticos que exerzan a máxima presión que poidan sobre a administración sanitaria exercendo os seu dereito a reclamar por escrito, e denunciar de ser o caso. E o mesmo pedimos aos representantes políticos destes concellos», conclúen.
Resposta do Sergas
Segundo nota enviada aos medios desde a Área de Ourense, Verín e Valdeorras sinalan que: «Un problema xurdido co profesional que debía cubrir a gardia no PAC de Viana foi o que propiciou a situación existente».
Ademais indícase: «En todo caso, todas as persoas que precisen teñen garantida a asistencia: as urxencias deriváronse ao PAC do Barco de Valdeorras e tamén a través dos efectivos do 061, que foron avisados da situación».