
O Entroido en Viana do Bolo é unha das festas máis emblemáticas da comarca, caracterizada polo folión, os boteiros, a fariña e unha intensa programación de actividades que reúnen a veciños e visitantes nun ambiente de troula e celebración. Durante varios días, a vila énchese de música, disfraces e tradición, reafirmando a identidade cultural dun pobo que vive esta festa con gran paixón.

A festividade comezou oficialmente o 15 de febreiro co Folión Feminino, que encheu a Praza Maior de ritmo e cor. Pero é a colga da Lardeira, un evento que se celebra a medianoite, o que marca o verdadeiro inicio do Entroido en Viana. Ese minuto cero é o de partida para por en marcha a festa por antonomasia. A partires de aquí quedan por diante sete días no que as rúas da vila vense invadidas por comparsas, máscaras e os sons característicos dos bombos e aixadas.

Unha das figuras máis representativas do Entroido en Viana é o Boteiro. O traxe, elaborado de maneira artesanal durante meses, é un orgullo para quen o porta e para toda a familia. Este personaxe é esencial no desfile do domingo gordo, onde os diferentes folións e carrozas percorren as rúas enchendo de cor e ruído a localidade. O desfile, no que participan máis de vinte agrupacións, convértese nunha explosión de tradición e alegría que reúne a centos de persoas.

A fariña é outro elemento imprescindible do Entroido vianés. O xoves de comadres celébrase con lanzamentos masivos de fariña, onde a diversión e a camaradería son protagonistas. Tanto homes como mulleres participan nesta tradición, que converte as rúas nunha auténtica nube branca. Segundo os veciños, non hai escapatoria: quen pase por Viana nestes días, acabará cuberto de fariña.
O Domingo Gordo culmina coa Festa da Androlla, un evento gastronómico de grande importancia que xa vai pola súa 53ª edición. Máis de 3.500 persoas reúnense para degustar este embutido típico, acompañado de cachelos e outros produtos da zona. As entradas esgótanse en poucas horas, demostrando a relevancia desta celebración.

O martes de Entroido é outro día clave, marcado por máis fariña e diversión. Pola noite, celébrase a queima dos lardeiros, un acto simbólico que marca o fin da festa e dá paso ao Mércores de Cinza. Esta queima, acompañada de música e pirotecnia, simboliza a despedida do Entroido ata o vindeiro ano.
O Mércores de Cinza pecha oficialmente as celebracións co Enterro da Sardina. A procesión percorre as rúas ata o Cabo da Vila, onde se realiza unha gran sardiñada popular. Se o tempo non acompaña, a celebración trasládase ao campo do Taural, pero a despedida do Entroido é sempre un momento cheo de emoción e convivencia.
O Entroido en Viana do Bolo é máis que unha festa; é unha expresión viva da cultura e da identidade dun pobo que mantén as súas tradicións con orgullo. Como di Marcos Martínez, concelleiro de Cultura: "Por moito que se explique, non hai palabras que fagan xustiza a esta festa. Hai que vir a vivila".