García-Ávila deixa a Alcaldía de Viana: «Fixemos moitísimo e queda moito por facer»
Once meses. Pouco tempo para unha Alcaldía e, segundo Germán García-Ávila, aínda menos do que aparenta se se teñen en conta as dificultades administrativas coas que asegura que se atopou o seu goberno. O socialista deixou este martes de ser alcalde de Viana do Bolo en cumprimento do acordo alcanzado co BNG na moción de censura de setembro de 2025 e marcha, asegura, cunha sensación «satisfactoria».
O 18 de agosto está previsto que Graciela Diéguez tome o relevo e se converta na primeira alcaldesa da historia do municipio. Ata entón exercerá como rexedor en funcións o ata agora tenente de alcalde, Isaac Pérez Vidueira.
Antes dese cambio de bastón de mando, García-Ávila pasou polos micrófonos de Radio Valdeorras-Onda Cero para facer balance dunha etapa que define como curta, pero moi intensa. E fíxoo falando do realizado, pero tamén do que queda encamiñado e dos problemas que seguirán sobre a mesa do próximo goberno.
Once meses marcados polas dificultades administrativas
García-Ávila asegura que o principal obstáculo foi a falta de capacidade administrativa durante boa parte do mandato, especialmente pola baixa do secretario municipal. Segundo explica, non foi ata marzo, coa chegada dun secretario titular, cando o Concello puido comezar a desbloquear numerosos expedientes.
«Non tivemos todo o tempo de maneira operativa. Se falta apoio e infraestrutura administrativa é moi difícil facer as cousas», sinala. Aínda así, sostén que o equipo «correu e apurou moitísimo» para intentar sacar adiante o maior número posible de asuntos.
Entre os primeiros exemplos sitúa dous servizos municipais que, segundo explica, levaban anos nunha situación provisional. Un deles é o Matadoiro, cuxo servizo asegura que estaba a piques de pechar e que finalmente foi licitado, adxudicado e continúa funcionando.
Outro é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que tamén se atopaba cun contrato vencido desde había anos e que o Concello conseguiu regularizar.
«Somos 52 aldeas e hai que atendelas todas»
Se hai unha cuestión que García-Ávila reivindica especialmente é a atención ao rural. Lembra que Viana do Bolo conta con 52 aldeas e defende que pequenas actuacións, ás veces afastadas dos grandes investimentos, son fundamentais para quen vive nelas.
Durante estes meses, explica, colocáronse bocas de incendio en núcleos que carecían delas e baleiráronse fosas sépticas que levaban anos sen recibir este servizo ou, nalgúns casos, segundo asegura, nunca foran atendidas.
«O rural conta. Somos 52 aldeas e hai que atender todas», resume.Tamén inclúe no balance o novo campo de fútbol e diferentes intervencións repartidas polo municipio.
Dous millóns de euros para solucionar un problema histórico de saneamento
Pero se existe un proxecto de maior envergadura entre os que quedan encamiñados é o relacionado co saneamento. García-Ávila explica que ao chegar ao goberno atoparon sancións pola vertedura de augas sen tratar ao encoro e unha depuradora instalada nos anos noventa que, segundo afirma, nunca chegou a funcionar correctamente.
A resposta foi buscar un acordo coa Confederación Hidrográfica que, segundo detallou na entrevista, permitirá mobilizar dous millóns de euros. «É un investimento histórico», afirma.
O convenio permitirá construír unha nova depuradora e contempla ademais cinco depósitos de auga en diferentes zonas do municipio, pensados tanto para facilitar o abastecemento aos medios de extinción de incendios como para dar servizo ao gando.
«Humanizar Viana»
Preguntado por dous ou tres logros dos que se sinta especialmente satisfeito, García-Ávila evita establecer unha clasificación. O que para un veciño pode resultar fundamental, razoa, pode non selo para outro. Prefire reunir boa parte das actuacións baixo unha mesma expresión: «humanizar Viana». «Significa facer Viana máis habitable, buscar calidade e favorecer a vida diaria dos veciños e das veciñas», explica.
Dentro desa filosofía sitúa a reorganización do estacionamento no casco antigo. O goberno habilitou previamente dous aparcadoiros céntricos para, posteriormente, facer efectiva a prohibición de estacionar en determinadas rúas e espazos onde a restrición xa existía pero, segundo García-Ávila, non se estaba cumprindo.
A intención, explica, foi recuperar o casco histórico para as persoas e protexer unha zona que considera un dos grandes valores da vila. A isto suma actuacións na piscina, na ponte de Viana e outras obras de menor tamaño que, ao seu xuízo, son precisamente as que «dan calidade de vida ao cidadán».
Proxectos que deixa preparados para o seguinte goberno
Non todo puido rematarse. García-Ávila deixa proxectos xa financiados ou en proceso de contratación que corresponderá executar ao novo goberno.
Entre eles está unha actuación de máis de 120.000 euros na antiga Escola Fogar para convertela nun albergue que permita reforzar a capacidade de Viana para acoller visitantes en citas como o Entroido e outros eventos.
Tamén queda encamiñada unha intervención nun dos accesos á vila, na contorna do campo de fútbol, coa construción dunha rotonda e un novo vial. García-Ávila insiste en que non lle preocupa que sexa outro goberno quen inaugure esas actuacións. «O que nos importa é que se fagan cousas en Viana, independentemente de quen as consiga», afirma.
Recoñece, ademais, que a combinación de pouco tempo, moitos proxectos e vontade de executalos xerou momentos de precipitación. «Cando fas cousas equivócaste noutras. Iso é humano. Se non te moves, non tropezas», admite.
A ferida aberta pola riada: «Queda moito por facer»
A riada que golpeou A Bouza, Pixeiros, O Castro e Prado Cabalos ocupa un lugar diferente no balance. Aquí García-Ávila fala dun problema que excede, ao seu entender, a capacidade dun concello como Viana.
A primeira fase permitiu retirar toneladas de material e recuperar a mobilidade nas zonas máis afectadas grazas á intervención de distintas administracións. Pero o problema, advirte, está lonxe de resolverse: quedan vías, espazos públicos, explotacións e propiedades privadas danadas.
O Concello, explica, chegou a alugar maquinaria para atender actuacións máis pequenas e intentar axudar directamente aos veciños, pero recoñece os límites municipais: «Fixemos o que humanamente está nos nosos medios, pero non podemos máis».
Nos últimos días mantívose unha nova visita cos enxeñeiros da Confederación Hidrográfica á Bouza. Sobre a mesa está unha actuación para encauzar o regato e reducir o risco de que unhas novas precipitacións intensas provoquen unha situación semellante, ademais da recuperación da contorna destruída pola riada.
García-Ávila continúa reclamando unha resposta coordinada entre Concello, Confederación Hidrográfica, Deputación e Xunta e insiste na conveniencia dunha declaración de emerxencia que permita articular un comité de seguimento.
«O máis perigoso quedou resolto», admite, pero inmediatamente introduce un matiz importante: a vida cotiá dos veciños aínda non volveu á normalidade. «Estamos facendo cousas, pero queda moito por facer».
Penouta, unha esperanza para fixar poboación
Se a riada representa unha das maiores preocupacións, a mina de Penouta aparece como unha das esperanzas económicas. García-Ávila considera fundamental o avance producido co traspaso dos dereitos á nova empresa porque Viana carece de tecido industrial suficiente e a recuperación da explotación podería significar, segundo as cifras que manexa, arredor de 120 postos de traballo.
Non fala só de emprego. Fala de mocidade que poida quedar, de novas familias, de consumo e actividade económica durante todo o ano. «É básico porque é xente nova que non ten que buscar a vida fóra de aquí», afirma, ligando directamente Penouta á posibilidade de «fixar poboación».
Con todo, pide paciencia. Segundo explicou tras unha reunión con representantes da empresa, actualmente a actividade posible é limitada e a recuperación plena dependerá da autorización da sección C, necesaria para volver extraer mineral nas condicións anteriores.
A previsión trasladada pola compañía, asegura García-Ávila, sitúa ese horizonte entre ano e medio e dous anos. Un prazo que considera longo para un municipio no que a actividade aumenta durante o verán coa chegada de persoas de fóra, pero que no inverno sofre especialmente as consecuencias da perda de poboación e da escasa actividade económica.
Un relevo pactado e dúas formas de gobernar por separado
O 18 de agosto comezará unha nova etapa. Graciela Diéguez asumirá a Alcaldía en cumprimento do acordo que permitiu a moción de censura de 2025.
García-Ávila recoñece que a súa opción preferida tería sido outra: un goberno de coalición PSOE-BNG con responsabilidades compartidas.
«Houbera sido ideal facer un goberno de coalición, repartir as concellerías entre ambos partidos. Houbera sido máis doado traballar», sinala. Pero aquela fórmula non saíu adiante. Os socialistas gobernaron en solitario estes once meses e agora será o BNG quen asuma en solitario o executivo municipal.
«Non faremos oposición de ningún tipo ao equipo de goberno»
García-Ávila continuará como concelleiro e asegura que o PSOE manterá unha actitude de colaboración. Recorda que, antes de chegar á Alcaldía, o seu grupo presentou 28 mocións en dous anos desde a oposición e anuncia que seguirá facendo propostas, pero deixa unha mensaxe clara para o goberno que encabezará Graciela Diéguez: quere darlle liberdade para gobernar. «Esperemos que eles fagan o mesmo ou mellor, porque ao final é para o pobo de Viana», afirma.
A súa formulación é especialmente contundente: «Non faremos oposición de ningún tipo ao equipo de goberno». Salvo diante dunha proposta que consideren sen sentido, avanza que apoiarán as iniciativas do novo executivo e estarán dispoñibles cando se lles necesite.
Para García-Ávila, máis que comezar de cero, Viana entra nunha continuidade institucional na que cambiarán as persoas e, posiblemente, as prioridades. «Cada un ten a súa forma de entender o que é prioritario», recoñece, antes de asegurar que exercerán unha «oposición construtiva» e de «colaboración total».
Un «ata logo» tras once meses
A entrevista en Radio Valdeorras-Onda Cero rematou tamén cun agradecemento. Desde a emisora e Somos Comarca recoñeceuse a García-Ávila a atención, disposición e proximidade que mantivo cos dous medios durante os seus once meses como alcalde, atendendo as chamadas e facilitando o labor informativo.
A resposta do xa exalcalde foi tamén de agradecemento: «Sempre vos interesastes polo que ía acontecendo en Viana. Dar voz á xente e aos problemas de Viana é algo que agradezo».
Germán García-Ávila deixa o despacho da Alcaldía, pero non a Corporación. Atrás quedan once meses nos que asegura que intentou avanzar todo o posible cun reloxo que sempre correu demasiado rápido. Por diante queda agora unha nova etapa política para Viana do Bolo e varios dos grandes asuntos iniciados durante o seu mandato aínda por resolver.
Na seguinte ligazón atoparás a entrevista completa realizada a Germán García-Ávila Arias: