«Chegou»: A forza do Entrudio cobra vida en viñetas cheas de cor e movemento

«Chegou»: A forza do Entrudio cobra vida en viñetas cheas de cor e movemento
David Álvarez gaña o concurso do Entroido de Viana do Bolo cun cartel innovador onde o Boteiro rompe os marcos

O Concello de Viana do Bolo presentou o cartel oficial do Entrudio 2025 e da 53ª Festa da Androlla, un dos eventos máis importantes da localidade. O deseño gañador foi obra do mozo vianés David Álvarez, quen resultou elixido polo xurado entre varias propostas. No acto de presentación, celebrado na Casa do Concello, estiveron tamén o concelleiro de Cultura, Marcos Martínez, e o representante da Asociación Robreda, Jorge Domínguez “Minas”.

Un cartel cheo de cor e simbolismo

David Álvarez explicou que a súa proposta busca capturar a esencia do Entrudio, destacando a figura do Boteiro, símbolo central da festa. Ademais, empregou cores vivas e un formato innovador con elementos en viñetas, buscando transmitir a sensación de movemento e forza da celebración.

«O noso Entrudio é moi colorido e potente, por iso quixen reflectir esa forza cunha paleta de cores rechamantes. A composición en viñetas dálle dinamismo, facendo que os personaxes parezan saír delas con enerxía, como se o Entrudio xa estivese aquí. Por iso titulei o cartel “Chegou”», explicou o autor.

En cada unha das catro viñetas está presente o máis significativo de Viana e o seu entroido. O que ten máis relevancia é o Boteiro, e en recadros máis pequenos atópase a torre do castelo, a androlla e a burra formada por dous homes que é unha singularidade desta festa.

Para Álvarez, gañar este concurso foi un orgullo e un reto persoal. Presentouse en varias ocasións anteriores sen éxito, pero nunca desistiu. «Seguir intentando ano tras ano e finalmente logralo é unha satisfacción enorme», comentou.

Un recoñecemento á mocidade local

Durante a presentación, Jorge Domínguez “Minas” destacou a importancia de que un mozo de Viana do Bolo fose o gañador: «Creo que, en nome de toda a xuventude de Viana do Bolo, podemos dicir que é un orgullo que un mozo da vila sexa o elixido, sobre todo sabendo que había participantes de fóra. Ademais, David non só é un artista talentoso, senón que tamén participa activamente na comparsa. Isto é fundamental porque o noso Entrudio é moito máis que unha festa gastronómica; é tradición, identidade e sentimento».

Tamén quixo poñer en valor o esforzo da mocidade na conservación das tradicións locais: «Grazas ao traballo de moitos mozos, conseguimos recuperar e fortalecer elementos clave do Entrudio, como os Fulións, a fariña ou as comparsas. O cartel de David plasma perfectamente esa esencia».

A Festa da Androlla e o impacto do Entrudio

O concelleiro de Cultura, Marcos Martínez, lembrou a relevancia desta festividade para o municipio. «A Festa da Androlla é primordial en Viana do Bolo, con máis de 3.000 entradas que se esgotan en cuestión de horas. Seguimos traballando para que sexa un evento accesible, mantendo o prezo da entrada en 30 euros», sinalou.

Máis alá da comida, os protagonistas da festa son os Fulións, a fariña, os Xoves de Compadres e Comadres, e as comparsas, que fan do Entrudio unha celebración única en Galicia. «O cartel de David recolle á perfección ese sentimento de herdanza e tradición que levamos dentro desde pequenos», concluíu Domínguez.

Marcos Martínez amosa o cartel doa Festa da Androlla

Coa presentación do cartel, Viana do Bolo dá o pistoletazo de saída ao Entrudio 2025, reafirmando o seu compromiso coa cultura e identidade propias.