viernes. 29.03.2024
Carretera San Agustín, Viana do Bolo
Carretera San Agustín, Viana do Bolo

As obras poderían comezar en outono y contan cun investimento superior a 1,1 millóns de euros

A Deputación de Ourense vén de adxudicar a reforma e mellora da estrada San Agustín, no Concello de Viana do Bolo, que executará unha unión temporal de empresas (UTE) formada por Petrolam Infraestruturas S.L. e Áreas Infraestruturas S.A., cun investimento superior a 1,1 millóns de euros.

As obras poderían comezar este outono «sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, pois estamos a falar dun territorio cun clima cada vez máis adverso para este tipo de traballos segundo nos achegamos ao remate do ano», explicou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez. 



Coa adxudicación das obras «damos un paso definitivo para facer realidade un proxecto no que desde o primeiro momento a Deputación de Ourense demostrou o seu compromiso, liderando unha comisión de negociación xunto con Endesa —empresa propietaria da estrada— e os representantes dos grupos municipais», destacou Pérez. O diálogo entre todas as partes, engadiu, «permitiu dar a resposta que demandaba desde hai tempo a veciñanza, polo que a satisfacción do resultado neste proceso non pode ser maior».  

A comisión de negociación, logo de diversas reunións, acordou que a empresa eléctrica faríase cargo do 50 % do custo das obras, preto de 600.000 euros, mentres que a Deputación de Ourense e o Concello de Viana do Bolo achegarían o 50 % restante a partes iguais. Tralo remate das obras a estrada pasará a ser titularidade do concello.  



A reforma e mellora da estrada de San Agustín-encoro das Pías ten un orzamento de 1.125.119 euros e realizarase en tres tramos, cunha lonxitude total que supera os 24 quilómetros. O proxecto inclúe a renovación e regularización do firme, acondicionamento e limpeza das cunetas, roza das marxes, nova sinalización horizontal e vertical e a instalación de elementos de seguridade viaria. 

A Deputación adxudica a reforma da estrada de San Agustín, en Viana