
Como cada mes, dende a área de Igualdade da Deputación lévase a cabo a iniciativa "8M, mes a mes", dedicándolle o día 8 un recoñecemento especial en honra ás mulleres con profesións altamente masculinizadas ou de gran relevancia ao longo da historia. Esta iniciativa trata de poñer en valor a importancia da muller no mundo laboral durante todo o ano.
O lema seleccionado para este mes foi "Paixón sustentable" e a figura seleccionada da provincia é Zaira Vidal Martín, emprendedora e neorural, que rexenta xunto ao seu socio, Juan Carlos, a empresa Piel Natura de produtos naturais e de cosmética sólida.
Zaira e o seu socio mudáronse desde Benidorm a San Xoán de Río para emprender no rural galego, un cambio que Zaira considera «incriblemente positivo xa que buscábamos estar en coherencia cos nosos valores persoais e profesionais». Asegurando que agora traballan «nun entorno que reflexa a nosa paixón pola sustentabilidade, natureza e o benestar».
Coa súa iniciativa empresarial, Zaira busca algo máis que a venda. Quere «inspirar un movemento cara un estilo de vida máis consciente e sustentable, onde cada persoa se sinta empoderada para facer cambios positivos na súa vida e no seu entorno».
Baixo estas liñas pode ver o vídeo da entrevista mantida por este medio con Zaira Vidal e Juan Carlos: