
Os parlamentarios de En Marea Francisco Casal e Davide Rodríguez volveron trasladar á Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo a petición de explicacións sobre os traballos de desmantelamento da antiga liña de 220 kV Trives- Aparecida, "logo de que o pasado 1 de febreiro xa nos preocuparamos polo incumprimento do comprometido nos protocolos firmados por REE cos Concellos de Trives e Manzaneda e na declaración de impacto medioambiental do novo dobre circuíto 400/220 kV, nos que se marcaba o desmantelamento da antiga liña de 220 kV en canto estivera en servizo o novo circuíto", destacou en En Marea.
O deputado Francisco Casal lembroulle ao director xeral Angel Bernardo Tahoces as inquedanzas dos afectados e o compromiso incumprido por parte da Xunta a “que nun periodo de entre 8 e 12 meses a antiga liña de 220 kV podería estar desmantelada”. “Pasaron xa 10 meses desde a data en que recibimos esta resposta e non temos informacións de que os traballos de desmantelamento comezaran”, inqueriu Casal.
Canto á declaración de impacto ambiental do novo circuíto 400/220 kV, En Marea preguntou pola información da Xunta con respecto aos traballos de Red Eelectrica Española.