San Xoán de Río volveu poñer en valor o potencial do rural como espazo de innovación, colaboración e futuro. Nunha xornada enmarcada no programa Impact Campus Galicia, máis de 120 emprendedores e emprendedoras de distintos puntos achegáronse ao municipio para compartir experiencias coa veciñanza local, convertendo o encontro nun exemplo de conexión real co territorio.
Arredor dunha trintena de veciños e veciñas exerceron de anfitrións nun día marcado pola convivencia interxeracional, o intercambio de coñecemento e a construción colectiva de ideas. A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen destacou que a acción concorda coa futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, «nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025».
A iniciativa apostou por unha fórmula participativa na que o primeiro paso foi claro, escoitar e comprender a realidade do rural dende dentro.
A través dos denominados “Xogos de Río”, as persoas participantes tiveron que mergullarse na vida local antes de afrontar os retos propostos, centrados en cuestións clave como a vivenda e a mobilidade no rural.
Un exercicio práctico que puxo o foco na importancia de “mancharse as mans” e coñecer de primeira man as necesidades e oportunidades do territorio.
A xornada deixou imaxes de gran valor humano, cunha convivencia natural entre xeracións, perfís profesionais e visións distintas, pero unidas por un obxectivo común: construír solucións reais e sostibles dende o propio rural.
Este tipo de iniciativas evidencian que o talento —xa sexa universitario, empresarial ou creativo— precisa conectarse coa sabedoría popular e co coñecemento que existe nos pobos para xerar un impacto verdadeiro e transformador.
Dende o Concello de San Xoán de Río valorouse moi positivamente o desenvolvemento do evento, destacando o orgullo dunha veciñanza que, unha vez máis, demostrou a súa capacidade de acollida e o seu papel fundamental na construción do futuro do rural.
A Xunta destacou o impulso ao emprendemento ligado ao territorio
A Xunta puxo en valor o evento Impact Campus Galicia como exemplo de dinamización do ecosistema emprendedor no rural, en liña coa futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio.
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na entrega de premios e salientou a implicación de máis dun cento de participantes —entre emprendedores, empresas, estudantes ou investidores— na busca de solucións innovadoras aos retos do rural, nun encontro que reforza o papel de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025
O encontro continuará durante os vindeiros días, nos que se agarda comezar a ver os primeiros resultados dun evento que xa está a superar todas as expectativas iniciais.

