Unha conferencia do historiador Miguel García-Fernández será o colofón dunha xornada de protesta, cultura e baile en homenaxe á muller
A Pobra de Trives únese á celebración do Día da Muller coa programación dunha serie de actos que se levarán a cabo ao longo do venres 8 de marzo.
O Centro de Información á Muller, CIM, do Concello, programou para ás 12:00 horas unha manifestación polas rúas da vila baixo o lema «Por unha igualdade real». Tras ela, ás 12:30 horas, procederase á inauguración dunha exposición que leva por título «Mulleres Trivesas, Mulleres Tigresas», que poderá visitarse de balde ata o día 31 de marzo, na sala de exposicións de Santa Leonor.
Trátase dunha «merecida homenaxe ás mulleres da comarca de Trives tanto nos seus diversos traballos como nas súas múltiples facetas e roles que desenvolven». Así o apuntan dende o Concello, e engaden que a mostra é «un pequeno recoñecemento á valentía, fortaleza, traballo e posta en valor de todas as nosas mulleres».
O acto de inauguración contará tamén con Darija Cz como invitada, interpretando unha danza. As mulleres asistentes recibirán un agasallo no seu día.
Como colofón dos actos programados para ese día, o historiador e investigador medievalista Miguel GarcíaFernández, natural de Guístolas en San Xoán de Río, impartirá unha conferencia moi especial sobre as señoras e campesiñas na Idade Media trivesa, identificando o importante papel da muller e a súa pegada na historia. A cita será a partires das 20:00 horas no auditorio Julio Vázquez.
Para escuchar la entrevista completa realizada al historiador Miguel García-Fernández, haga click en el siguiente enlace: