San Xoán de Río presenta a súa Rede das Bibliotecas Mutantes coincidindo coas Letras Galegas
Os libros sairán á rúa en San Xoán de Río coincidindo coas Letras Galegas. O Concello presentará o próximo luns 18 de maio a nova Rede das Bibliotecas Mutantes, unha iniciativa que aposta por crear puntos de intercambio gratuíto de libros e abrir novos espazos arredor da lectura no municipio.
O proxecto, promovido por Outonía S. Coop. desde o ano 2024 e financiado polo Ministerio de Cultura, desenvólvese en colaboración co Concello de San Xoán de Río. A proposta baséase nas coñecidas como Bibliotecas Libres: pequenas instalacións situadas en espazos públicos nas que calquera persoa pode deixar ou coller libros libremente.
A xornada incluirá tamén un obradoiro aberto á cidadanía para explicar como funciona esta Biblioteca Mutante e animar á participación veciñal nun proxecto baseado no intercambio de libros e no uso compartido destes espazos.
A actividade coincidirá coa celebración das Letras Galegas, unha data especialmente simbólica nun municipio que conta coa maior porcentaxe de galegofalantes de Galicia. Neste contexto, desde o Concello destacan tamén a importancia de seguir creando espazos nos que a lingua galega estea presente no día a día e vinculada á cultura e á convivencia no rural.
Baixo o lema «E se toda a xente coida o que todo o mundo usa?», a Rede das Bibliotecas Mutantes busca fomentar a participación da veciñanza e facilitar o acceso á lectura a través dun modelo aberto e gratuíto.
Desde o Concello sinalan que iniciativas coma esta permiten achegar os libros a novos lugares de encontro e reforzar o vínculo da veciñanza coa cultura e coa lingua galega.