San Xoán de Río liderará un plan piloto europeo para mellorar a vida da mocidade no rural
San Xoán de Río, con apenas 520 habitantes, compartirá protagonismo cos máis de 1,7 millóns de persoas que suman as outras tres rexións europeas implicadas no proxecto Rural EU – Connecting Rural Europe. Durante catro días de traballo intenso, representantes dos catro países participantes —Italia, Croacia, Romanía e España— reuníronse en Palazzo Adriano, en Sicilia, para deseñar conxuntamente unha folla de ruta que inspire as políticas xuvenís nos territorios rurais da Unión.
O encontro, cofinanciado polo programa europeo CERV, estivo coordinado por unha experta da illa de Skye (Escocia) e baséase na participación directa da mocidade, en metodoloxías innovadoras e na colaboración entre realidades moi distintas. A folla de ruta creada será trasladada á Comisión Europea como proposta de referencia.
Un dos fitos máis relevantes será a posta en marcha de proxectos piloto en cada territorio participante, baseados nas conclusións comúns alcanzadas en Sicilia:
• Provincia de Palermo (Italia) – 1,3 millóns de habitantes
• Harghita (Romanía) – 330.000 habitantes
• Vallis Colapis (Croacia) – 85.000 habitantes
• San Xoán de Río (Galicia, España) – 520 habitantes
O alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, subliña que participar en igualdade con territorios moito maiores «é un exemplo claro do que significa a Europa das persoas, onde o tamaño non importa se hai visión, traballo e compromiso».
A presenza de San Xoán de Río neste proxecto internacional reafirma a súa posición como referente europeo no impulso de políticas de futuro para o rural galego. Cun enfoque aberto, cooperativo e activo, o concello dá un paso máis na súa aposta por un rural vivo, con oportunidades reais para a mocidade.