San Xoán de Río homenaxeou ás mulleres que crean futuro no rural

somoscomarca_sanxoanderio_mulleresrurais
O concello converte o Día das Mulleres Rurais nun tributo ás que innovan, coidan e manteñen viva a identidade do territorio

O Concello de San Xoán de Río, en colaboración coa asociación RioMola, puxo este mes o foco no papel das mulleres rurais como motor de autodesenvolvemento e transformación, ao celebrar un programa especial polo Día Internacional das Mulleres Rurais. O obxectivo, visibilizar, recoñecer e apoiar ás emprendedoras do municipio que, con esforzo, creatividade e coraxe, apostan por construír o futuro desde o medio rural.

A semana de actividades comezou o luns cun coloquio aberto, no que participaron mulleres de distintas idades e traxectorias vitais. Alí expuxeron tanto as dificultades ás que deben facer fronte —acceso a financiamiento, servizos de proximidade, conciliación, infraestruturas, visibilidade—, coma os apoios que lles teñen resultado clave — formación, redes locais, colectivos como asociacións ou entidades de desenvolvemento rural—. Unha das conclusións que repetiron foi que ser muller no rural constitue un reto, pero tamén unha oportunidade excepcional para innovar e transformar realidades.

O mércores tivo lugar unha charla conducida pola terapeuta Angelly Pérez, centrada no benestar emocional e na xestión das emocións. A sesión convidou ás mulleres asistentes a conectar consigo mesmas, reivindicar o coidado persoal —non só como tarefa, senón como elemento fundamental de sostibilidade persoal e colectiva— e a cultivar un enfoque consciente da saúde mental.

Como peche da semana, o Concello presentou un vídeo-homenaxe ás mulleres emprendedoras de San Xoán de Río, no que as protagonistas falan en primeira persoa dos seus proxectos, dos seus soños e das súas esperanzas. O relato audiovisual serve para deixar constancia de que “rematou o silencio das mulleres rurais”, tal como resume o lema do acto.

 

Contexto e datos relevantes

Para entender mellor a magnitude desta iniciativa, cómpre ter en conta algúns datos de Galicia sobre mulleres emprendedoras no medio rural:

Segundo o informe GEM Galicia 2023-2024, a taxa de actividade emprendedora feminina en áreas rurais sitúase nun 7,7 %, superando á das poboacións de máis de 10.000 habitantes (5,8 %). Dato obtido dunha publicación de novembro do 2024 da USC —Universuidade de Santiago de Compostela—

As mulleres rurais en Galicia en moitos casos afrontan desigualdades específicas: menor acceso a infraestruturas, desconexión dixital, menor visibilidade, dificultades para conciliar vida familiar e emprego, etc.

En termos agrarios, Galicia destaca nun informe de Campo Galego por contar cunha porcentaxe bastante alta de explotacións agrogandeiras dirixidas por mulleres: case un 48% das explotacións do Censo Agrario de 2020 teñen como titular a unha muller.

A administración estatal e autonómica están a establecer programas de apoio ás mulleres rurais para fomentar o emprendemento, a formación, a visibilidade, e a innovación, como por exemplo o programa “Desafío Mulleres Rurais”.

Importancia local

Para un concello pequeno como San Xoán de Río, cun medio rural marcado polos retos do despoboamento, o envellecemento, a perda de servizos e a migración xuvenil, iniciativas coma esta teñen unha importancia vital. Non só ofrecen o recoñecemento social que moitas veces fai falla.

Poden fomentar o emprendemento local, xerando emprego, mantendo poboación e dinamizando servizos.Constrúen redes de apoio, creando espazos onde as mulleres poidan compartir experiencias, formarse e obter asesoramento. Reforzan o orgullo de pertenza e de identidade local, visibilizando proxectos e persoas que, doutro xeito, poden pasar desapercibidas. Contribúen á igualdade de xénero, sinalando as barreiras estruturais (infraestruturas, financiamento, titularidade de explotacións, presenza en cargos de decisión) e esixindo acción.