San Xoán de Río volveu demostrar que no rural as tradicións seguen moi vivas. O concello celebrou este último día do ano as súas xa tradicionais Prebadaladas, unha cita que reuniu a preto de medio cento de veciños e veciñas ao pé da espadana da igrexa para despedir o ano dun xeito simbólico, festivo e moi participativo.
Ás 12 da mañá, o son das campás marcou o momento central da xornada. As badaladas, tocadas por Pepe Vázquez, coñecido como «O Pintor», puxeron ritmo a unha celebración sinxela pero chea de significado, na que non faltaron as uvas, os brindes nin, sobre todo, o bo ambiente.
A veciñanza achegouse ata o lugar con indumentaria festiva, ganas de compartir e espírito de celebración, convertendo a contorna da igrexa nun punto de encontro onde a convivencia e a proximidade foron as verdadeiras protagonistas. A iniciativa permitiu xuntarse, saudar o novo ano por adiantado e reforzar os lazos comunitarios nun ambiente distendido e familiar.
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacou o éxito da convocatoria e puxo en valor a resposta da veciñanza, sinalando que este tipo de actos «amosan que San Xoán de Río segue facendo comunidade e mantendo vivas as tradicións, mesmo adiantando o reloxo cando é para xuntarnos e celebrar».
O éxito de participación confirma que, no rural, as celebracións tradicionais seguen sendo un punto de encontro esencial e que San Xoán de Río continúa a vivir o Nadal e o Fin de Ano cun forte sentimento de pertenza e unión veciñal, facendo das pequenas cousas grandes momentos compartidos.
