San Xoán de Río adiantou o Fin de Ano co éxito das súas Prebadaladas

Preto de medio cento de veciños e veciñas reuníronse ao pé da igrexa para celebrar xuntos as doce badaladas do último día do ano

San Xoán de Río volveu demostrar que no rural as tradicións seguen moi vivas. O concello celebrou este último día do ano as súas xa tradicionais Prebadaladas, unha cita que reuniu a preto de medio cento de veciños e veciñas ao pé da espadana da igrexa para despedir o ano dun xeito simbólico, festivo e moi participativo.

Ás 12 da mañá, o son das campás marcou o momento central da xornada. As badaladas, tocadas por Pepe Vázquez, coñecido como «O Pintor», puxeron ritmo a unha celebración sinxela pero chea de significado, na que non faltaron as uvas, os brindes nin, sobre todo, o bo ambiente.

Pepe «O Pintor» facendo soar as badaladas no campanario da igrexa de San Xoán de Río

A veciñanza achegouse ata o lugar con indumentaria festiva, ganas de compartir e espírito de celebración, convertendo a contorna da igrexa nun punto de encontro onde a convivencia e a proximidade foron as verdadeiras protagonistas. A iniciativa permitiu xuntarse, saudar o novo ano por adiantado e reforzar os lazos comunitarios nun ambiente distendido e familiar.

Con gorros e diademas festivas e con sol e frío dabondo

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacou o éxito da convocatoria e puxo en valor a resposta da veciñanza, sinalando que este tipo de actos «amosan que San Xoán de Río segue facendo comunidade e mantendo vivas as tradicións, mesmo adiantando o reloxo cando é para xuntarnos e celebrar».

O éxito de participación confirma que, no rural, as celebracións tradicionais seguen sendo un punto de encontro esencial e que San Xoán de Río continúa a vivir o Nadal e o Fin de Ano cun forte sentimento de pertenza e unión veciñal, facendo das pequenas cousas grandes momentos compartidos.