San Xoán de Río acollerá o 20 de setembro innovación, gastronomía e música

San Xoán de Río acollerá o 20 de setembro innovación, gastronomía e música
O municipio converterase nun punto de encontro co arranque da primeira edición de Rural SocialTech, o regreso da Festa da Tenreira cun xantar popular no pavillón municipal, e o concerto de Lucía Pérez na Praza da Igualdade como peche da xornada

San Xoán de Río prepárase para unha xornada intensa este sábado, 20 de setembro, na que confluirán tres citas que combinan tecnoloxía, tradición e cultura.

O día comezará no Salón de Plenos do Concello coa primeira edición de Rural SocialTech, un encontro pioneiro sobre innovación e economía social. De 10.00 a 20.00 horas, veciños e visitantes poderán percorrer os stands das catro áreas temáticas —Viveiro de Lideresas Dixitais, Factoría de Ideas Xuvenís, Academia de Habilidades Dixitais e Punto de Encontro Interxeracional—, participar en obradoiros de intelixencia artificial, turismo rural ou agricultura sostible, e asistir ás intervencións de expertos que analizarán cuestións como o cooperativismo, o emprendemento feminino, a xestión forestal ou o turismo sostible.
O evento reunirá unha ducia de proxectos innovadores de economía social e pechará coa presentación oficial da súa segunda edición en 2026.

A Festa da Tenreira: sabor e encontro veciñal

A gastronomía terá o seu momento central a partir das 14.00 horas co regreso da Festa da Tenreira, que fora suspendida en agosto a causa dos incendios forestais. O pavillón municipal acollerá un xantar popular no que se servirá un menú con empanada, langostinos cocidos, tenreira asada con patacas, bica, viño, auga, café e licores.

 

O prezo é de 25 euros por persoa —15 no caso dos menores de 12 anos— e as entradas poden adquirirse ata o día 15 no Concello ou no supermercado Itas.

Concerto de Lucía Pérez: música para pechar a festa

A xornada culminará coa música da cantante Lucía Pérez, que actuará na Praza da Igualdade ás 20.00 horas. O concerto, de acceso libre, converterá o centro da vila nun espazo de celebración e encontro, poñendo o broche final a un día que une innovación, tradición e cultura.