
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente alcalde de San Xoán de Río, Manuel Fernández, mantivo hoxe unha reunión con veciños deste municipio en relación co polígono agroforestal de Veigas de Cambela.
O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de recuperación de terras, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha gran demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.
Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia.