Quiroga xa ten todo preparado para poñer en valor un dos seus grandes tesouros: o Aceite de Oliva Virxe Extra. A comisión organizadora da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga, da que forman parte o alcalde, José Luís Rivera, produtores de aceite, técnicos municipais e o primeiro embaixador do aceite quirogués, o chef Kike Piñeiro —A Horta do Obradoiro, Santiago de Compostela), pechou xa un amplo programa que converterá a vila no punto quente do AOVE galego durante dúas xornadas, os días 14 e 15 de marzo.
Un evento declarado de Interese Turístico de Galicia, no que o aceite de Quiroga, recoñecido polas súas singulares características organolépticas, será o gran protagonista.
Congreso, coñecemento e sabores o sábado
A programación arrancará o sábado 14 de marzo co III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga, que se celebrará a partir das cinco da tarde no Auditorio Municipal. A xornada abrirase coa intervención do enxeñeiro agrónomo José Manuel Gómez Sanmartín, de Bodegas Gómez Sanmartín, que analizará a casuística das explotacións de oliveiras en Galicia.
A continuación, Marga Fraga Ares, directora técnica da Fundación Paideia Galiza (CULTIGAR), afondará na biotecnoloxía aplicada á produción de oliveiras autóctonas. Pechará o bloque de relatorios Beatriz Cancho Grande, catedrática da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias de Ourense, cunha exposición centrada no potencial antidiabético dos aceites de oliva galegos.
O sábado rematará cunha cea cóctel titulada “Os sabores que medran aquí”, na que se poderán degustar elaboracións dos chefs Eloy Cancela e Kike Piñeiro, xunto con Iván Méndez, de Tabalu Food&Tech. A velada estará amenizada polo violinista Marcos Valcárcel e para participar será preciso retirar previamente a entrada na Oficina de Turismo da Casa da Cultura.
Domingo de feira, catas e tradición
O domingo 15 de marzo a Mostra do Aceite trasladarase ao recinto feiral, cos postos de venda situados na praza do Auditorio Municipal, que abrirán a partir das once da mañá. Alí poderase adquirir AOVE elaborado polos colleiteiros locais: Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga, Ouro de Quiroga, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.
Durante toda a mañá funcionará tamén o Muíño de Aceite de Bendilló, onde os visitantes poderán coñecer de primeira man o proceso tradicional de elaboración do aceite. Para facilitar o acceso, habilitaranse autobuses gratuítos con saída ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas desde a praza do Auditorio ata o lugar das Farrapas.
Ademais, celebraranse dúas degustacións comentadas de aceites na sala de catas do Museo Etnográfico, ás 12:30 e ás 16:30 horas. As entradas poderán adquirirse no propio recinto feiral.
Novo embaixador e cociña en directo
Un dos momentos máis destacados da xornada chegará ás 13:30 horas, coa proclamación do novo Embaixador do Aceite de Quiroga, distinción que este ano recaerá no chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau (O Grove), recoñecido con dúas estrelas Michelin. Tras o acto de homenaxe, o propio cociñeiro realizará unha demostración culinaria cos aceites de Quiroga como protagonistas, con pinchos que se poderán degustar mediante entrada previa, á venda na Oficina de Turismo.
A música tamén terá o seu espazo na feira, coa actuación durante a mañá do grupo de música e danza tradicional Asociación Cultural Peleriños, de Sarria.
Un extra floral para completar a visita
Coincidindo coa celebración da Mostra, na entrada do Auditorio Municipal poderá visitarse a 1ª Exposición de Camelias de Quiroga, unha iniciativa promovida por José Ramón Teixeira, recoñecido coleccionista e cultivador galego desta flor.
Con esta completa programación, Quiroga reafírmase como referente do aceite de oliva en Galicia, combinando tradición, innovación, coñecemento e gastronomía nunha fin de semana pensada para saborear… e aprender.
