A proposta defendida por Noela Blanco resulta rexeitada no Parlamento
Noela Blanco, portavoz de política social do grupo socialista no Parlamento de Galicia, defendeu hoxe unha proposición non de Lei para esixir «unha
inspección urxente na residencia de maiores de Trives», que finalmente resultou rexeitada. Segundo a súa opinión, o PP, cos seus votos negarivos, posiciónase en contra de «darlle aos nosos maiores os recursos que precisan e merecen».
Segundo explican no argumentario presentado hoxe no Parlamento galego, a situación do Centro de Maiores de Trives «foi denunciada anteriormente polo grupo socialista» e «supón un incumprimento flagrante» dos mínimos legais de persoal de atención a maiores «ao non contar con presenza localizada de persoal médico e presenza física de ATS ou DUE as 24 horas».
Aproveitou a ocasión a parlamentaria socialista para recordar que a situación do Centro de Maiores de Trives «non é un caso illado, senón xeneralizado», en referencia ao informe publicado en xuño de 2018 relativo a fiscalización do gasto en atención residencial a persoas maiores e dependentes en Galicia.
Blanco denunciou que «dende a chegada de Feijoo, hai mais de 9 anos, puxéronse en marcha cero residencias de maiores públicas de xestión pública», e que, «segundo o informe IMSERSO do 2018 as residencias privadas custan un 8 por cento máis a todos os galegos».
Tamén criticou que «unha comunidade cunha das taxas de envellecemento mais elevadas de Europa teña unha taxa praza residencial/habitante maiores de 64 anos do 3,05 por cento, moi inferior ao 4,02 de media estatal, e o 5% que esixe a OMS».
A parlamentaria socialista referiuse tamén á baixada de inversión en persoal, cun 7,1 por cento menos que non chega para cubrir as baixas nin vacacións e apesares de manterse constante o número de prazas públicas diminuíu en 2 millóns de euros os investimentos en centros públicos a respecto do 2010.