Tras a petición de inspección urxente da residencia de ancianos de Trives, realizada polo grupo socialista no Parlamento no día de onte 6 de febreiro, os populares replican, por boca da voceira de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez, que o centro «é obxecto dun riguroso control por parte da inspección de Servicios Sociais da Xunta de Galicia».
En concreto, apuntou Rodríguez que, «como consecuencia da última inspección realizada no pasado mes de xaneiro, o persoal inspector realizou unha proposta de expediente sancionador por incumprir a ratio de persoal de atención directa aos usuarios, ademais de propoñer unha nova inspección de seguimento no prazo de tres meses».
Engadiu a voceira dos populares que a inspección realizada constatou un incumprimento da ratio de persoal, «pero sí cumpría o esixido respecto ao persoal médico e ATS ou DUE, xa que nesa data o centro contaba só con 13 persoas usuarias dependentes».
Marta Rodríguez explicou que a residencia de maiores de Trives «é titularidade da Mancomunidade das Terras de Navea-Bibei e conta con 59 prazas de carácter privado, ningunha delas concertada coa Xunta de Galicia».