domingo. 08.06.2025

O Concello de Trives invirte nas súas infraestructuras de comunicación

A Pobra de Trives, e máis concretamente a figura do seu alcalde, Domingo Diéguez, quere mellorar as comunicacións por estrada e para iso acude ás diferentes administracións en busca de investimentos para as acometidas necesarias. Segundo explica Diéguez, o seu obxectivo é que toda a localidade se pavimente con aglomerado, pero «unha cousa son as pretensións», conta, «e outra distinta o que o é capaz de facer» cun orzamento municipal tan pequeno. «A miña pretensión é que tódalas vías que saen de Trives estén pavimentadas en aglomerado, que todo Trives o esté, e iso tendo auténticas dificultades para bachear; eso é unha grande decepción a veces, pero eu non decaigo», explica.

Fala o alcalde das negociacións ca Deputación e das próximas obras que se levarán a cabo «na Avenida da Deputación na que se invertirán 48.000 euros, nun vial que pertence ao ente ourensán, que será para pavimento en aglomerado». Na vila trivesa o Concello pretende «executar unha segunda fase de bacheos porque na primeira fase quedou case todo o pobo sen facer», conta o alcalde, e engade que espera que as «brigadas de Deputación veñan pronto, polo menos antes de que chegue a neve porque no verán pasoume que cando puiden xestionar a compra dos materiais a través dun contrato menor, déronlle vacacións aos traballadores; á volta das vacacións fixeron o 50%, pero agora estou esperando a que veñan a rematar o que comezaron».

Na reunión que mantiña Diéguez co presidente da Deputación de Ourense, acadaba o compromiso de asfaltar unha estrada hacia Chandrexa de Queixa, con 200.000 euros de presuposto, da que o alcalde sinala que a lentitude da Administración pode facer que algúns dos veciños que alí viven non poidan vela feita, «un vial co que levan soñando toda a vida». O rexidor pedíalle á Deputación que as subvencións sexan do 100%, «ainda que sexan de menos cantidade, porque moitas veces pelexamos e conseguimos a axuda e despóis temos que poñer unha parte que non podemos asumir».

O Concello de Trives invirte nas súas infraestructuras de comunicación