[row][double_paragraph][the_
Xa está nas rúas o programa de Nadal do Concello da Pobra de Trives, composto por actuacións musicais, teatro, deporte, e moitas citas solidarias.
Xa este sábado día 15 de decembro, chega o Concerto de Nadal que organiza cada ano por estas datas o Orfeón Trivés. A cita será no Auditorio Julio Vázquez ás 19:30 horas e os coros participantes serán a Coral Ecos do Ulla de Monterroso, a Coraliña Cantora da Pobra de Trives e o Orfeón Trivés, organizador do evento.
O domingo día 16, a Oficina de Turismo programou o Día da Montaña coa Ruta de Sendeirismo Ponte Navea, unha camiñata de arredor de 6 quilómetros e cunha dificultade media-baixa. A saída será ás 11:00 horas de diante da Oficina de Turismo, en Santa Leonor.
Os obradoiros tamén está presentes neste nadal, o 18 de decembro chega unha tarde de manualidades para os pequenos da casa na Biblioteca Municipal ás 17:00 horas, e o día 19, o turno é para as mulleres cun obradoiro de autocoidado persoal levado a cabo polo CIM, na sala de reunión do lado novo do Concello, ás 17:00 horas.
A música e os certames de Nadal tampouco faltan na programación de actividades de Trives. O día 21 pola mañá, celebran o Festival de Nadal no CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, e ese mesmo día pola tarde, chégalle o turno aos alumnos da Escola Municipal de Música, que teñen o seu Certame de Nadal no Auditorio Julio Vázquez ás 19:30 horas.
Un dos platos fortes que da comezo aos festexos propios do Nadal chega na noite do 23 co Lanzamento dos Faroliños Voadores Solidarios, onde o ceo trivés se enche de luces e desexos a partires das 20:00 horas na Finca da Barreira.
A visita de Papá Noel será o 24 de decembro ás 16:oo horas na Praza do Pilón iluminando as caras dos nenos e nenas que se acheguen a él para facerlle as súas peticións.
Como cada ano, Pazolandia é a excursión agardada polos cativos para pasar en Ourense unha xornada gozando de todo tipo de atraccións. Esta cita será o 26 de decembro.
Tamén haberá cine infantil, e desta volta contarán os triveses con dúas películas, unha o 27 de decembro e outra o 2 de xaneiro ás 16:00 horas no Auditorio Julio Vázquez. As proxeccións serán Se armó el Belén e PJ Mask, ¡Hola, Navidad!
Sarabela teatro presentará a súa obra Proxecto Noé o día 28, no Auditorio Julio Vázquez. Un espectáculo infantil sobre a amizade no que tres pingüíns, o diluvio universal e dous únicos boletos para o arca de Noé son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. A función dará comezo ás 19:00 horas e as entradas terán un prezo de 3 euros.
Durante a fin de semana do 28, 29 e 30 de decembro xogarase o Torneo de Fútbol Solidario organizado entre os concellos de Trives, Manzaneda e Río, e A.C. Río Mola de San Xoán de Río, o Sporting de Manzaneda e a A.C. A Rebusca de Manzaneda e o C.D. Trives, o Club Montaña Trives e o Disco-Pub Curvi da Pobra de Trives. Na final deste torneo celebrarase a Gran Festa do Fútbol. Evento no que se une deporte e solidariedade.
Outra cita deportiva será o Curso de Defensa Persoal que se fará dentro das festas de Nadal, pero aínda non ten a data pechada.
O personaxe que tamén visitará Trivés será o Apalpador e farao o 3 de Xaneiro, visita que inclúe unha sesión de contacontos.
A seguinte cita terá lugar o sábado día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis onde o alcalde saudará aos Reis Magos dende o balcón do Concello e despois continuará a Cabalgata ata o Auditorio asegurando que alí os nenos e nenas lle poidan entregar a súa carta persoalmente ás súas maxestades de Oriente.
Ademais outra das tradicións do Nadal Trivés é a visita ao Belén do Elías que permanecerá aberto do 23 de decembro ao 8 de xaneiro de 12:00 horas a 13:15 horas e de 16 horas a 18:30 horas nas dependencias do CEIP Manuel Bermúdez Couso.
Nesa mesma sala quedarán expostas tamén as postais do I Concurso de Postais de Nadal organizado pola ANPA O Recreo.
Trives solidario
Xa o día 1 de decembro daba comezo unha das campañas solidarias, neste caso organizada pola Agrupación de Voluntarios de Trives. Baixo o lema Un Nadal Feliz Para Todos, recolle alimentos non perecedoiros en todos os supermercados da vila e prolongarase ata o vindeiro 5 de xaneiro.
Paralelo a este acto solidario, ten lugar outro na Biblioteca Municipal que arrancou o día 3 e se continuará ata o 22. Neste caso estamos ante un Mercadiño do Libro Usado, onde os usuarios e usuarias da biblioteca municipal poderán trocar un kilo de alimentos non perecedoiros por 1 libro do seu interese. Estes libros son previas doazóns de usuarios e usuarias á biblioteca municipal e que actualmente están descatalogados para formar parte da súa colección.
Con estas actividades e sumándolle o aceso da iluminación de Nadal o pasado 6, quedou máis que inaugurado o programa deste mes de decembro e de todo o Nadal, no que se pretende que a festividade chegue a todos os fogares do concello.
[/double_paragraph] [/row]