lunes. 26.09.2022

Malestar en Chandrexa de Queixa pola falta de médico

As vacacións do médico titular do centro de atención primaria de Chandrexa de Queixa e a baixa da médica que ía substituílo fan que os usuarios deste centro e do veciño de Montederramo se teñan que trasladar a Castro Caldelas para ser atendidos
Centro de saúde de Chandrexa de Queixa (2)
Malestar en Chandrexa de Queixa pola falta de médico

Nunha nota chegada esta mañá a Somos Comarca, o concelleiro de Xuntos por Chandrexa, Rubén Fernández Rodríguez, expón o malestar que existe tanto no seu concello coma no de Montederramo pola falta de médico. A nota di o seguinte:

«Dende o pasado luns, 4 de xullo, tanto os concellos de Chandrexa de Queixa como de Montedarramo atopámonos sen médico de atención primaria, situación que durará como mínimo toda a semana. Isto débese a que o médico titular está de vacación e a substituta de baixa, sen que o SERGAS repoña o servizo. A solución que nos dan é a da atención telefónica ou acudir ás urxencias, situadas en Castro Caldelas.

Os concelleiros e cabezas de lista de Xuntos por Chandrexa, Rubén Fernández Rodríguez, e de Montederramo a Máis, Óscar Diéguez González consideramos que:

Os profesionais sanitarios, xa maltratados durante a pandemia, teñen dereito tanto a vacacións como a baixas laborais, igual que o resto de traballadores. Do mesmo xeito, os veciños dos nosos concellos teñen dereito a unha atención sanitaria digna, cousa que non ocorre se non contamos con médico. Esta situación non a arranxa a atención telefónica, unha solución que se xa non é adecuada de por si, éo menos en lugares cunha poboación maioritaria de idade avanzada que ademais, contan con sendas residencias de maiores.

Ademais, esta falta de servizos repercute en negativo na chegada de veciños que ocorre durante as vacacións, nas que normalmente se agrava, xa que o non contar con unha atención médica adecuada, un dos poucos servizos públicos que quedan nestes concellos, desalenta a poder pasar unhas vacacións tranquilas.

Por todo isto, tanto Xuntos por Chandrexa como Montederramo presentarán un escrito conxunto perante a xerencia da Área Sanitaria de Ourense pedindo explicacións e esixindo que non volvan a ocorrer este recorte en dereitos básicos dos nosos veciños»

Malestar en Chandrexa de Queixa pola falta de médico