martes. 25.06.2024
somoscomarca_240519_xunta_medioambiente_xosemiguelperez_conselleira (2)
Humidais artificiais para depurar as augas residuais e pluviais en San Xoán de Río

A Xunta de Galicia e o Concello de San Xoán de Río estudarán a posibilidade de desenvolver un proxecto de depuración de augas residuais e pluviais mediante humidais artificiais, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, José Miguel Pérez, durante unha reunión que mantiveron recentemente.

Durante o encontro, o rexedor explicoulle á conselleira que se trata de sistemas de depuración idóneos para pequenos núcleos ao ser sinxelos de operar, ter baixa produción de lodos, sen consumo enerxético e non necesitar a adición de químicos.

Ángeles Vázquez valorou de xeito positivo a iniciativa municipal, que ten como obxectivo dotar de sistemas de depuración e saneamento os lugares de San Miguel, Outeiro, A Burata e Fitoiro, e trasladoulle a José Miguel Pérez que Augas de Galicia avaliará o proxecto en canto sexa remitido por parte do Concello con todas as actuacións concretas previstas.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

A maiores, no encontro o alcalde tamén lle expuxo á conselleira que San Xoán de Río, xunto con Manzaneda, Chandrexa de Queixa e Trives, ostentan o título de Capital Española das Montañas, unha distinción que converte estes concellos en altofalantes destes territorios. A conselleira interesouse polas iniciativas que están a levar a cabo de cara a acadar retos como, por exemplo, utilizar a identidade local como estratexia de desenvolvemento.

Humidais artificiais para depurar as augas residuais e pluviais en San Xoán de Río