O VI Congreso da Muller Rural abre unha consulta pública para priorizar os grandes retos do rural. A organización convida á cidadanía a escoller os desafíos máis urxentes para construír un rural máis forte, inclusivo e sostible.
No marco do Congreso da Muller Rural, identificáronse 12 retos clave para o futuro do rural galego. Agora, ábrese unha nova fase participativa na que se convida á veciñanza a priorizar aqueles desafíos que considera máis importantes.
Entre os ámbitos sinalados atópanse cuestións fundamentais como a representatividade e liderado na gobernanza, o acceso á vivenda en aluguer para atraer poboación, a inclusión dixital e o uso da intelixencia artificial, os coidados e a corresponsabilidade, así como a prevención da violencia de xénero.
Tamén figuran retos estruturais como a prevención de incendios, a saúde e autonomía das persoas, o turismo xerativo, a soberanía económica e titularidade da terra, a mobilidade e transporte ou a loita contra a soidade non desexada.
A organización destaca que esta consulta permitirá establecer prioridades reais de traballo para os vindeiros meses, reforzando o compromiso cun rural máis dinámico, sostible e con igualdade de oportunidades.
As persoas interesadas poden participar escollendo os retos que consideran máis urxentes a través da seguinte ligazón:
https://www.menti.com/al7fqbpqhckn
«A túa voz conta», sinalan desde a organización, que anima á participación activa da cidadanía nesta nova etapa de impulso ao rural.



