Formación en saúde mental para familias e profesionais en Trives

Formación en saúde mental para familias e profesionais en Trives
Unhas 40 persoas procedentes de diferentes concellos, como Manzaneda, Trives, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Ourense, Maceda e Quiroga, participaron nas sesións interactivas impartidas por profesionais de enfermería da Unidade de Saúde Mental do CHUO

A Biblioteca do CEIP Manuel Bermúdez Couso acolleu O venres unha xornada de formación organizada pola Escola de Familias de Trives e o departamento de orientación do centro educativo da vila. O evento contou co apoio do Centro de Formación ao Profesorado (CFR), a ANPA O Recreo e o departamento de Docencia do Hospital Universitario de Ourense.

Unhas 40 persoas procedentes de diferentes concellos, como Manzaneda, Trives, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Ourense, Maceda e Quiroga, participaron nas sesións interactivas impartidas por profesionais de enfermería da Unidade de Saúde Mental do CHUO. Andrea Novoa abordou os desafíos da infancia temperá na súa ponencia «A infancia temperá, un verdadeiro desafío», mentres que Karla Caballero afondou nos cambios da puberdade e adolescencia en «Axudar a Medrar».

A formación foi valorada moi positivamente polos asistentes, destacando a importancia de contar con estratexias e recursos para comprender as distintas etapas do neurodesenvolvemento infantil. Iniciativas como esta contribúen a mellorar a calidade da atención á saúde mental nas familias e na contorna educativa.